Persoal de Correos de Compostela e Lalín alerta da sobrecarga de traballo

Alertan da destrución de emprego na empresa.
Protesta do persoal de Correos de Lalín e Compostela, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta do persoal de Correos de Lalín e Compostela, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)

Carteiros e carteiras de Lalín (O Deza) e de Santiago de Compostela mobilizáronse esta terza feira ás portas do edificio da Xefatura de Zona de Correos na capital galega para "rexeitar a política de destrución de emprego da compañía pública e denunciar que estas unidades se atopan sen persoal suficiente por falta de contratación".

A protesta, que tivo o apoio da CIG-Correos, coincidiu cunha festividade local na capital do Deza e tivo lugar "diante da pasividade e desleixo que están a amosar desde a cúpula directiva da maior empresa pública do Estado español, desoíndo sistematicamente as reivindicacións laborais do cadro de persoal".

O persoal da Unidade de Reparto de Lalín (que abrangue os concellos de Lalín, Rodeiro, Agolada e Dozón) amosou o seu "descontento coa política de destrución de emprego que está a levar a cabo Correos na comarca do Deza" e denunciou "a intención de suprimir definitivamente as catro vacantes que veñen asumindo desde hai meses".

Pola súa parte, os empregados e as empregadas da Unidade de Reparto 1 de Santiago de Compostela de Correos tamén manifestaron o descontento pola situación do servizo na súa área e alertaron de que "estivo durante boa parte do verán por debaixo do 50% do cadro de persoal, tendo que asumir unha importante sobrecarga de traballo".

Comentarios