Persoal de Teleperformance sae á rúa contra o ERE a 38 traballadoras

Protesta do persoal de Teleperformance, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)
Os despedimentos realizaranse no centro da Coruña.

Máis de medio centenar de persoas concentráronse na Coruña en contra do expediente de regulación de emprego (ERE) anunciado por Teleperformance España e que afecta a 310 persoas no conxunto do Estado español e a até 38 no centro da Coruña. A empresa alega causas organizativas e produtivas.

Fixérono coreando proclamas como 'ERE e despedimentos para os directivos', 'O noso sacrificio, o seu beneficio' ou 'Non ao ERE en Teleperformance' durante unha protesta que coincidiu cun paro de 24 horas do que os sindicatos cifraron o seguimento en 74%. Segundo explicou a presidenta do comité de empresa, María Jesús Rey, a medida afecta a 38 traballadoras e traballadores do centro da Coruña, situado na rúa Newton.

"A empresa duplicou os seus ingresos e recentemente anunciou unha OPA [oferta pública de adquisición] sobre o grupo Majorel", asegurou Rey, que rexeitou que existan motivos para o ERE. "Non nos achegan documentación que acredite causas produtivas e organizativas", insistiu. Así se manifestou Rey coincidindo cunha protesta que decorreu ante a sede de Vodafone, na coruñesa praza de Pontevedra. Ademais, non descartaron convocar novas mobilizacións.

"Non vemos que sobre xente, non paramos de atender chamadas en ningún dos centros e nas campañas", engadiu sobre as que realizan para Vodafone ou Netflix. No caso da Coruña, precisou que, de acordo cos datos dos que dispoñen, 35 das persoas ás que afectaría o ERE son teleoperadoras, unha coordinadora e dous formadoras.

Os despedimentos materializaranse, de consumarse o ERE, a comezos de novembro. Desde o comité, indican que "este novo golpe á economía coruñesa é maior se temos en conta que o cadro pasou de máis de 900 persoas ás 515 que están a traballar actualmente no centro".