O persoal de Urbaser volve manifestarse e rexeita a “conivencia” entre a empresa e o PSOE

Folga Urbaser

Con 26 días de folga ás súas costas, @s operari@s saen de novo á rúa, en defensa do seus dereitos e con ataques á xestión do alcalde López Orozco.

Após 26 días de folga de recollida de lixo, o persoal marchou de novo para esixir unha suba salarial conforme á actualización do IPC e a consolidación dunha paga de 600 euros, peticións sobre as que xiraron as dúas reunións sen éxito celebradas esta semana entre ambas as dúas partes.

A representante da CIG-Servizos, Carme Antas, salientou que con esta mobilización “puidemos demostrar á cidadanía de Lugo, a Urbaser e ao alcalde, Xosé López Orozco, o apoio e a unidade do cadro de persoal de Urbaser neste conflito e que por moito que pensen que por aguantar nos van facer desistir desta loita están absolutamente equivocados”. Paulo Carril, secretario de Organización da mesma central, destacou a “dignidade” dos traballadores e denunciou o “terrorismo patronal”.

A CIG, satisfeita porque cre que a mobilización demostroulle ao concello e a empresa que "non van desistir"

Pola súa parte, o secretario provincial de UGT en Lugo, Ángel Tomé, protestou porque o Concello “non fai o que debe facer porque como prestador dun servizo debe obrigar á empresa a cumprir o contrato, pero lle dá prórrogas e ampliacións de prazo”.

Xuízo

Por outra banda, o xulgado do social citou ao Concello a un acto de conciliación previo a xuízo o próximo 4 de agosto para responder sobre a decisión de contratar a empresa Tragsa, nunca utilización que os sindicatos consideran ilegal e executada grazas a “esquirois”.