Persoal de Zara Loxística mobilízase na Coruña contra a "perda de dereitos"

Protesta do persoal de Zara Loxística (Foto: Nós Diario).
Convocan unha manifestación este domingo na cidade herculina.

O persoal de Zara Loxística mobilizarase este domingo na Coruña contra o que consideran una "perda de dereitos". Será a través dunha manifestación a partir das 12 horas que sairá desde a céntrica praza de Lugo e irá até o paseo da dársena, contra a "perda de dereitos". Ademais, convocaron paros os días 13 e 14 de maio en cada quenda de traballo.

As protestas forman parte das mobilizacións que manteñen as traballadoras e os traballadoras do centro de distribución que ten o grupo Inditex no polígono de Sabón  para exixir tamén "carga de traballo", segundo informaron as organizacións sindicais convocantes: CIG,  CCOO e UXT. 

A través dun comunicado avanzan que "se a empresa non rectifica, esta segunda ou terza feira haberá paróns de catro horas á saída de cada un das quendas de traballo".

A decisión de intensificar as mobilizacións adoptouse despois da reunión mantida coa dirección de Inditex, na que a empresa recoñeceu que a modificación dos calendarios era unha imposición unilateral que non ían retirar e que, ademais, poderíase repetir noutras ocasións.

Neste senso, Roberto Pérez, secretario comarcal da CIG-Servizos e delegado no comité de Zara Loxística, lembra que esta é a primeira vez en 20 anos que a empresa incumpre o pactado, decidindo facer un feche patronal o día 1 de maio que suporá modificar os descansos semanais, o sistema de libranzas e as vacacións do persoal afectado. 

"A todo isto súmaselle a continua perdida de carga de traballo do centro e a falta de aposta da compañía pola distribución desde Galiza, en concreto desde Arteixo, onde está a súa sede central", engaden desde a UXT en liña co manifestado tamén desde a CIG.