Povisa anuncia un ERE logo de asegurarse unha chuvia de millóns da Xunta

Povisa

O comité do hospital privado de Vigo cualifica de “salvaxada” a decisión da empresa, que vén de asinar un convenio que pode asegurarlle uns 70 millóns de euros públicos e acabou o ano con grandes beneficios. 

 

Un ERE malia as ganancias e a chuvia de millóns de diñeiro público por parte da Xunta de Alberto Núñez Feijóo, que ademais comenta que “non pode facer nada”. Refírese a Povisa, o hospital privado de de Vigo que abriu “negociacións” co comité de empresa para acordar o que denomina "medidas e axustes" para afrontar a "situación complicada" xerada "a raíz da “baixada importante de pacientes”, segundo a versión da empresa, moi diferente á do persoal.

A presidenta do comité e membro da CIG, María Xesús Neira, asegura, pola contra, que a quinta-feira pasada a dirección entregoulle un comunicado que di explicitamente que presentará "ante a autoridade laboral o correspondente ERE extintivo por causas organizativas, produtivas, técnicas e económicas".

"Non sei que fan cos cartos públicos" denuncia María Xesús Neira, da CIG

Neira subliñou que é "unha salvaxada" propoñer estes recortes cando hai nada asinouse un novo concerto co Sergas que "ía dar estabilidade". "Non sei a onde vai parar o diñeiro público. Desde logo a profesionais e usuarios non", recalcou. Así mesmo, a presidenta do comité criticou esta decisión de Povisa despois de que, dixo, a empresa rexistrase 11 millóns de beneficios e estea pendente dun cobro de 19 millóns. "Non ten sentido", dixo.

E é que Povisa é unha das grandes beneficiarias das políticas privatizadoras da Xunta de Galiza na Sanidade Pública. O Goberno vén de firmar un convenio con este centro para os próximos anos que lle garante grandes ingresos á empresa, que algunhas estimacións cifran preto dos 70 millóns de euros ao ano. Namentres, na Pública seguen os recortes.