A CIG PIDE QUE SE POTENCIE O PAPEL DO ESTELEIRO NO SECTOR DAS REPARACIóNS

Preocupación a que o goberno faga de Navantia unha empresa ''exclusivamente militar''

Mobilización de Navantia

Un acordo aprobado neste verán no Consello de Ministros que asigna ao Ministerio de Defensa toda a responsabilidade de ‘’planificación, control, dirección e execución’’ leva ao comité a pedir unha reunión urxente. A CIG tema as consecuencias da medida aprobada ''en período de vacacións e pouco menos que a escondidas''. 

O Consello de Ministros do goberno español aproveitou o período de verán para aprobar un acordo polo cal, afirma a CIG, se asigna ao Ministerio de Defensa “a responsabilidade da planificación, dirección, control e execución das políticas necesarias para o fortalecemento e consolidación do sector industrial da defensa”. A central nacionalista entende que isto non debe pasar desapercibido “nin para o Comité nin para o conxunto do cadro de persoal”. Por que? Pois porque segundo a sección do sindicato nesa empresa “parecen apuntarse intencións de orientar a Navantia a ser unha empresa exclusivamente militar” sen entrar na construción civil.

Esta sospeita parte de que en dito acordo dise textualmente:“Liderará a acción de goberno en relación cos procesos de reestruturación e consolidación desta a nivel nacional e internacional.” e “este acordo adóptase en atención á importancia do sector industrial da defensa dende o punto de vista estratéxico, industrial e tecnolóxico e da súa achega á economía e tendo en conta, por outro lado, o ámbito competitivo no que se ten que desenvolver este sector no futuro.”

Esta orientación sería contraria á aposta pola fin do veto a Fene, a construción do dique flotante -a que o PP xa renuncia abertamente-, a potenciación do sector de reparacións para o eólico que defenden os sindicatos. O Comité xa solicitou unha xuntanza urxente para que se lles informe e explique o acordo do Consello de Ministros e as súas posíbeis consecuencias.