Primeiro de maio: miles de persoas mobilízanse na Galiza para exixir traballo digno e contra a precariedade

Faixa de cabeceira da manifestación da CIG na Coruña (Foto: CIG)

Até 30 marchas decorren no Día Internacional da Clase Obreira, en moitas das cales non faltaron mostras de solidariedade co pobo palestino.

[Avance]

Miles de persoas saíron a rúa esta cuarta feira, Primeiro de maio,  Día Internacional da Clase Obreira, para participar nas manifestacións convocadas polas diferentes centrais sindicais en cidades e vilas da Galiza. O traballo digno, a mellora dos salarios e a fin da precariedade ou a advertencia do aumento da poboación en risco de pobreza e de exclusión social foron temas transversais á maioría das manifestacións e concentracións.

Mais nesta xornada tamén houbo mensaxes nas mobilizacións de apoio ao pobo palestino e contra o xenocidio de Israel na faixa de Gaza.

CIG

Precisamente a maior forza sindical en número de delegadas e delegados da Galiza, a CIG, manifestouse en dezaseis localidades galegas. Na mobilización da Coruña participou o seu secretario xeral, Paulo Carril, quen sinalou en declaracións aos medios de comunicación que o chamamento deste ano reivindica “un traballo digno” ao tempo que denuncia “cun berro solidario o xenocidio que Israel está cometendo ao pobo palestino

O líder sindical nacionalista puxo o acento nunha realidade “de altos prezos, perda do poder adquisitivo dos salarios e das pensións, empobrecemento xeneralizado da sociedade co perigo do aumento da exclusión social”. Carril lembra “os dous anos que levamos de reforma laboral” que mudaron “contratos temporais por contratación a tempo parcial e fixo descontinua” que tiveron como consecuencia “o aumento de máis de 280% de incremento” nesta modalidade. Recorda, neste sentido, que “unha de cada tres persoas traballadoras cobra por baixo do salario mínimo.

Cabeceira da manifestación de CCOO e UXT na Coruña

CCOO e UXT

CCOO e UXT mobilíznase conxuntamente, ademais de na manifestación na Coruña o seu acto principal deste Primeiro de maio, en Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Vilagarcía, co lema 'Polo pleno emprego: Menos xornada, mellores salarios'. Non obstante, en Pontevedra, ambas as dúas entidades organizan cadansúa protesta, ao tempo que CCOO marchará en solitario en Viveiro.

Estas centrais apelaron a  “defender o gañado até agora e continuar avanzando en novos retos laborais e sociais”, ao tempo que inciden en que “necesitamos mellorar o marco regulador no que se xere o emprego do futuro. É o momento da redución legal da xornada de traballo, dunha mellor regulación da contratación a tempo parcial e da extensión dos contidos da chamada’ lei Rider ‘ao conxunto da economía de plataforma”.

CUT-CNT-CXT

Pola súa parte, a Confederación Nacional do Traballo (CNT) está detrás da organización de dúas manifestacións, a da Coruña e Ourense, na primeira canda a Central Unitaria de Traballadoras (CUT), a Confederación Xeral do Traballo (CXT) e o Sindicato da Elevación 'Contra o xenocidio palestino, o militarismo e a guerra', e na segunda acompañada da CUT, a CXT e o Sindicato Ferroviario para reclamar 'Unidade e Acción'.

Manifestación en Vigo da CUT, CXT e Sindicato Ferroviario en Vigo

No caso da cidade olívica, CUT, CXT e Sindicato Ferroviario promoveron unha manifestación compartida, e no que atinxe á capital galega, Compostela, a CUT convocou en solitario unha marcha baixo o seu lema, '25 anos sen renunciar á historia'.