Un Primeiro de Maio na Galiza contra a precariedade e pola recuperación de dereitos
Os diferentes sindicatos convocan manifestacións e mobilizacións para esta cuarta feira en cidades e vilas de Galiza. A denuncia da precariedade laboral e da desigualdade irán da man da reivindicación de dereitos e do chamado a recuperar conquistas recortadas durante a crise. Porque motivos para saír á rúa o 1 de Maio habelos, hainos.
Miles de persoas volverán saír este Primeiro de Maio ás rúas de Galiza con motivo do Día Internacional da Clase Obreira. Unha data para a que sigue habendo razóns para mobilizarse: un terzo dos traballadores e traballadoras galegas ingresa como máximo o salario mínimo. Este grupo aumentou en 5 puntos desde 2009. O de ingresos inferiores á metade do SMI supón 18% das persoas asalariadas no noso país. Máis de 302.000 traballadores menores de 36 anos non acadan o salario medio anual galego. Un de cada tres contratos laborais asinados na Galiza dura menos dunha semana. Se incrementamos o abano até o mes, son 46,6% dos contratos. Para poñer o ramo: Galiza está entre os territorios da UE con maior peso do paro de longa duración.
Recuperar dereitos para avanzar: na Galiza emprego, salarios e pensións dignas é o lema escollido pola CIG para este 1º de Maio, data na que a central nacionalista subliña a importancia “de tomar as rúas para esixir un cambio real e profundo nas políticas executadas coa escusa da crise”. O sindicato maioritario de Galiza lamenta que até o de agora o PSOE non tivese “intención real” de mudar as políticas aplicadas polo PP (“mantén o modelo económico e de relacións laborais nado das reformas laborais aprobadas en 2010 e en 2013”). Tamén acusa Núñez Feixoo de ser cómplice das políticas que levan Galiza, afirman, “á grave emerxencia nacional e social”.
CCOO e UXT volven marchar da man o Primeiro de Maio. Unha unidade que en Galiza se concreta en 9 mobilizacións conxuntas, cun acto central que este ano será na Coruña. Primeiro as persoas: + dereitos + igualdade + cohesión é o lema deste ano. Chegou o momento das “persoas primeiro” e de exixir que se “restitúan” os dereitos afectados polos anos de crise e de recortes.
CUT comemora esta xornada baixo o lema Sen loita non hai dereitos. Cara á Folga Xeral. “É a hora da audacia, da alegría, a hora de deixar de lado o simbólico, de rematar coa clase traballadora como fórmula estética ou discurso oco; é hora de recuperar a conciencia individual non como a construción do “eu” capitalista, senón para ser homes e mulleres que conformamos unha clase social para vence”, sinalan no manifesto polo 1M, Imos ser os ríos que desbordarán'.
CNT escolle como palabra de orde para o Primeiro de Maio No traballo e na loita conta coa CNT. O sindicato anarquista considera que “hoxe os ataques á clase obreira son cada vez de maior magnitude” e que “os traballadores e as traballadoras somos conscientes de este ser o momento de avanzar, impor a nosa forza e a nosa voz”.
Mobilizacións CIG
Ferrol, 12h, Avenida de Esteiro
Pontevedra, 12h, Praza da Ferrería
Vilagarcía, 12h, Casa do Mar
A Estrada, 12h, Praza do Mercado
A Coruña, 12h, Praza de Vigo
Vigo, 12h, A Dobrada
Compostela, 12:30h, Praza Roxa
Ribeira, 12h, Praza do Peixe
Ourense, 11:30h, Praza Maior
Cee, 12h, Diante do Concello
Lugo, 12h, Edificio Sindical
San Cibrao, 12h, Casa do mar.
Cangas do Morrazo. 18.30h. Diante do Concello.
Manifestacións UXT e CCOO:
A Coruña 12h, Praza da Palloza
Santiago, 11.30h, Alameda
Ferrol, 12.00h, Inferniño-Porta Nova
Lugo, 12.30h, Ronda Muralla
Burela (só UXT), 12.00h, Praza Mariña
Ourense, 11.30h, Pavillón Remedios
Pontevedra, 12.00h, Praza Ferrería
Vilagarcía de Arousa, 12.00h, Praza Ravella
Vigo, 11.30h, Cruzamento Urzáiz-Vía Norte
Manifestacións CUT
Vigo, 11:00h. Da Praza Fernando o Católico ata a Porta do Sol. 14:30- Xantar popular no restaurante Moisés (Valadares).
Compostela. 12:30h. Da Praza 8 de Marzo até a Praza do Toural14:30h. Xantar popular e actividades no Parque de Belvís.
A Coruña. 12:30h. Da Praza de Pontevedra até o Campo da Leña.
Manifestación da CNT,
Compostela. 12:00h na Praza 8 de Marzo