O responsábel de Urbaser en Lugo atropela a unha delegada sindical en plena folga

Atropelo na folga de Urbaser / CIG

Tragsa acompañada da policía local iniciou a recollida de lixo contra a greve do persoal, que foi contestada con agresións como a que denuncia a CIG, na que mesmo o coche que tería atropelado a unha delegada sindical se deu á fuga.

O responsábel de Urbaser en Lugo atropelou na tarde do sábado a delegada sindical de UGT na empresa, Araceli Núñez, que se atopa ferida leve. A Policía será a encargada nas próximas xornadas de aclarar como se produciu o suceso.

Segundo asegurou a delegada sindical da CIG en Urbaser, Carmen Antas -que acompañaba á ferida- un grupo de sindicalistas da empresa, que levan cinco días en folga, cruzaban un paso de peóns na Rólda da Muralla cando un carro se levou por diante a delegada de UGT.

Ao parecer, o vehículo marchou posteriormente á fuga, e foi interceptado despois pola Policía Local. No turismo viaxaban varios directivos da adxudicataria de recollida de lixo de Lugo e ía conducido polo delegado da empresa na cidade. Carmen Antas denunciou que o coche acelerou no paso de peóns ao ver cruzar o grupo, aínda que será a Policía Local e a análise das cámaras as que permitan esclarecer os feitos. Araceli Núñez foi levada ao hospital Lucus Augusti, aínda que as súas feridas son de carácter leve.

A delegada da UGT tivo que ser trasladada ao hospital, aínda que as feridas son de carácter leve

Namentres, nunha decisión moi discutida polo persoal, operari@s de Tragsa iniciaron a recollida de lixo coa axuda da policía municipal, un medida do goberno local que foi cualificada dende as centrais sindicais como “esquirolismo”.