O sector das ambulancias: salarios baixos e xornadas interminábeis para un servizo público

Imaxe: CIG

Os traballadores manifestáronse en Compostela para demandar da patronal que sente a negociar un “conveniuo xusto”.

Os traballadores e traballadoras do sector de transporte de ambulancias manifestáronse en Compostela para reclamaren un “convenio digno” e que a patronal abandone a súa postura actual de paralización e boicote e acepte sentar na mesa de negociacións. Convocados pola CIG, marcharon desde a Praza Roxa até a sede da Confederación de Empresarios de Galiza, na zona vella compostelá. “O de que se contrate xente por 800 euros ten os días contados”, afirmaron desde a central nacionalista, que sinalaron que un dos obxectivos é, ademais de salarios dignos e acabar cos contratos en prácticas tal e como están cocnebidos actualmente, finiquitar o que califican de “xornadas interminábeis”.

A CIG lembra que a Xunta de Galiza e a Fundación 061 teñen responsabilidades nesta situación que padecen os traballadores. Así, acusou a Xunta de “montar todo este tinglado”, sacar as licitacións do transporte urxente e do transporte non urxente “con asignacións míseras pensando que os que ían pagar o pato eran outra vez os de sempre, os traballadores”.