Seguimento "desigual" pero "positivo" da folga da hostalaría na Galiza
O paro do sector hostaleiro galego, convocado para esta segunda por Hostalaría.gal, está a ter un seguimento "desigual" pero "positivo", segundo detallou o presidente da asociación, Lois Lopes, ao Nós Diario.
"Houbo localidades enteiras nas que pechou toda a hostalaría", afirmou Lopes, "en Ribeira, A Estrada, Vimianzo, Ponteceso, Baio... en Ferrol houbo un alto seguimento; Xinzo de Limia, na Mariña de Lugo pararon varios concellos".
Para o representante de Hostalaría.gal, "este é o inicio dunha mobilización e unha protesta para visibilizar a situación do sector e considerámola positiva".
Asemade, a asociación convocou unha manifestación na Estrada, que contou cun "seguimento total". "Houbo un paro tamén no comercio, e contamos co apoio do sector gandeiro, que sumaron unha caravana de coches e tractores; houbo un paro do sector industrial importante, foi bastante secundado, e houbo bastante solidariedade, porque ao final todos dependemos os uns dos outros".
En canto a falta de seguimento do paro por parte dalgunhas asociacións, como Hostalaría Compostela e Hostalaría da Galiza, Lopes afirmou que a diferenza de criterio non tiña como orixe a análise da situación do sector, "que compartimos", senón pola urxencia da folga.
Medidas "insuficientes"
Para o presidente de Hostalaría.gal, as medidas adoptadas até o de agora polo Goberno español, no que se refire ao control do prezo das enerxías e dos acordos cos transportistas son "insuficientes".
"Este é o inicio dunha mobilización e unha protesta para visibilizar a situación do sector e considerámola positiva"
Defende que o sector hostaleiro demanda dunha liña de axudas directas, xa que non pode esperar semanas a que se produzan os "efectos positivos" das medidas anunciadas polo Executivo local.
"Os negocios non poden aguantar moito máis. Cada un é un mundo, pero hai moitos que están cerca de entrar en quebra técnica", concluíu Lopes.