Seguimento do 90% e máis de 2.000 xuízos suspendidos: a greve na xustiza continúa firme

Seis xornadas de paro. A Xunta desbota a contraoferta sindical.

Seis xornadas de greve na administración de xustiza de Galiza: o seguimento do paro mantense alto (90%) e xa se tiveron que suspender máis de 2.000 xuízos. Os traballadores e traballadoras da administración de xustiza de Galiza - por volta de 2.500 – continúan firmes na loita por acabar coa súa discriminación a respecto dos outros territorios do Estado español.

 

O persoal de xustiza manifestarase esta quinta feria, día 15, para esixir a fin das discriminacións laborais.

 

Aínda que a Xunta se comprometeu a convocar unha nova reunión no prazo desta mesma semana para seguir negociando, até o momento, explica o secretario do sector de Xustiza da CIG, Xesús H. Sánchez, non hai unha data fixada. En todo caso, apuntou, a participación masiva na greve e nas asembleas informativas demostra que o persoal está disposto a continuar adiante co paro indefinido, "porque non podemos consentir que esta sexa a última proposta que nos fan. E se temos que seguir coa folga, seguiremos até onde sexa necesario".

 

Horas e lugares das manifestacións.

•    Vigo: 12:00 horas, dende a rúa Lepanto até a Xunta de Galiza . 
•    A Coruña: 12:00 horas, dende os xulgados (rúa Monforte) até a Xunta (Monelos).
•    Compostela: 12:00 horas,  dende os xulgados (rúa Viena) até a EGAP.
•    Ferrol: 12:00 horas, dende os xulgados até a Delegación da Xunta (pasando pola rúa Coruña, rúa Real e Praza de España).
•    Pontevedra: 12:00 horas, dende os Xulgados na Parda até a Xunta.
•    Ourense: 12:00 horas, dende os xulgados (rúa Velázquez) até a Delegación da Xunta.
•    Lugo: 12:00 horas, dende os xulgados  até o edificio administrativo da Xunta.