O servizo de terapia respiratoria, en folga

Un grupo de persoas protestan ante a sede do Sergas en Compostela o 19 de outubro de 2021. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O persoal de terapia respiratoria a domicilio do Sergas nas áreas sanitarias de Santiago-Barbanza, Pontevedra-O Salnés e Vigo cifra en "practicamente o 100%" o seguimento da xornada de folga.

O comité de empresa e de folga do persoal de terapia respiratoria a domicilio do Sergas nas áreas sanitarias de Santiago-Barbanza, Pontevedra-O Salnés e Vigo cifra en "practicamente o 100%" o seguimento da xornada de folga desta segunda feira para denunciar os "incumprimentos" da empresa concesionaria deste servizo na Galiza.

Ás 11.30 horas o persoal das tres áreas sanitarias reuniuse na capital galega para manifestarse desde o centro localizado na compostelá avenida de Barcelona até a entrada de consultas externas.

Reclaman unha reunión co Sergas "para expoñerlle os problemas" porque, ao ser responsábel de outorgar o servizo, "ten que facer cumprir esa concesión".

Incumprimento que, segundo afirma o comité de folga, provoca “o empeoramento das condicións laborais e dos propios tratamentos”.

Culpan da situación ao feito de que a empresa presentase unha "oferta temeraria á baixa" que, segundo expertos no sector, "era irrealizábel".

Entre outros aspectos, denuncian tamén que o número de traballadores, que ascende a 77, sitúase "moi por debaixo" dos 136 que se fixan na concesión e que os pacientes "son obrigados" a desprazarse a centros cando antes eran atendidos no seu domicilio.

Aseguran, así mesmo, que a empresa realiza "despidos disciplinarios" y "ofrece indemnizacións" para que algúns dos seus compañeiros deixen o servizo sen pagar a penalización correspondente.

Paralelamente, apuntan, a empresa trasladoulles que deben dicirlle aos pacientes que non dispoñen de material de recambio -incrementando o tempo sen renovar repostos-, que deben alargar o período entre tratamentos máis do recomendado ou que "deben desprazarse aos centros" da compañía "co claro obxectivo de aforrar custes".