O sindicalista Manuel Mera é nomeado vigués distinguido

Manuel Mera

O que foi Presidente da CIG recibirá o galardón en recoñecemento de case cincuenta anos de compromiso militante. O seu nome recibiu o apoio unánime do Pleno a proposta do BNG.

 

O histórico dirixente sindical Manuel Mera Sánchez, recibirá esta semana o título de vigués distinguido. O acordo foi adoptado por unanimidade do Pleno do Concello de Vigo a proposta do BNG. Desta maneira recoñécese a traxectoria de preto de cincuenta anos de militancia política e sindical, precisamente o ano en que se cumpre o XX aniversario da fundación da Confederación Intersindical Galega.

Canda el serán galardoados este ano o Colexio Maristas-El Pilar, o centro escolar Seis do Nadal,a xuíza Dolores Galovart, a activista veciñal Josefa Martínez Alonso (a título póstumo, tamén proposta polo BNG), o clube de fútbol “Rapido de Bouzas” e o axente da policía local, Francisco Javier Pitillas.

O feito de que un histórico referente do sindicalismo nacionalista, como é Manuel Mera, reciba o título de vigués distinguido precisamente este ano, contrasta coa polémica suscitada polo Alcalde da cidade, o socialista Abel Caballero, logo da súa decisión –co apoio do PP- de lle conceder a medalla da cidade ao empresariado do sector naval, que recibiu a oposición do BNG e da CIG. Aliás, o Alcalde -que goberna en minoría- comunicaba estes días que lle encomendou ao director da factoría de Citroen na cidade olívica, Juan Antonio Muñoz Codina, a redacción e lectura do Bando Municipal do Día da Reconquista, nunha nova chiscadela de complicidade co poder económico da cidade.

Toda unha vida de compromiso militante

Nacido en Seoane (Allariz) en 1946, emigra Arxentina canda a súa familia con apenas 5 anos. Cun importante apego á cultura labrega e o medio rural do que é orixinario, Mera organízase na diáspora galga. En 1967 ingresa na Irmandade Galega, organización fundada polo propio Castelao, da que foi secretario de 1969 a 1972.  Na emigración recibirá formación industrial como técnico electromecánico e cursará estudos universitarios de enxeñería e socioloxía. Durante a súa etapa de estudante participará de maneira activa do movemento estudantil que promove en plena ditadura fortes conflitos e protestas.

Logo do seu paso pola militancia comunista en Arxentina, organizarase no nacionalismo galego por volta de 1968, ano no que ingresa na Unión do Povo Galego. En 1972, estimulado polas importantes protestas laborais que se sucedían nesa altura tanto en Ferrolterra como en Vigo, retornará a Galiza. Ese mesmo ano desempeñará un papel relevante na fundación de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA). 

Porén, se unha faceta salienta da súa traxectoria é a sindical. Manuel Mera participou activamente do agromar do sindicalismo nacionalista desde os seus primeiros xermolos (Fronte Obreira da UPG), tomando parte tanto da fundación do Sindicato Obreiro Galego como da ING, antecedentes da actual CIG. Conta cunha importante práctica sindical na base, salientando os conflitos de Planosa, Corffi ou Telanosa, nos que tomará parte. Desde 1980, cando é elixido membro da Executiva da INTG  (da que foi Secretario xeral) até 2009, cando abandona a Executiva Confederal da CIG, asumiu diferentes responsabilidades entre as que salientan o cargo de Secretario Confederal e Presidente da nova central nacionalista xurdida, trala fusión da INTG e da CXTG, há vinte anos. 

Fixo parte desde a súa fundación da AN-PG e do BN-PG, e tamén logo do propio Bloque Nacionalista Galego no que continúa a militar. Na actualidade é Director da Fundación Moncho Reboiras, e colabora desde hai anos como columnista de opinión en diversos medios de comunicación, entre eles Sermos Galiza, proxecto do que foi parte do seu grupo promotor e no que actualmente é membro do seu Consello de Administración.