Os sindicatos exíxenlle á Xunta un "orzamento extraordinario" con "gasto social" en emprego e servizos públicos

Reunión dos sindicatos co conselleiro de Facenda. (Foto: Europa Press)
A CIG salientou que "nesta situación de crise o importante son as persoas".

CIG, UXT e CCOO reuníronse esta sexta feira co conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, para abordar as liñas xerais do proxecto de orzamentos da Xunta para 2023. No encontro  pediron que sexan unhas contas "extraordinarias" con "gasto social" que incida no emprego e nos servizos públicos.

O único dato que foi tratado no encontro foi o do teito de gasto dos orzamentos, que para 2023 sitúase en 12.599 millóns de euros. Está previsto que o documento entre a vindeira quinta feira no Parlamento galego, previo paso por un Consello da Xunta extraordinario.

Contas centradas "nas persoas"

O representante da CIG na reunión con Corgos, Miguel Anxo Malvido, salientou que "nesta situación de crise o importante son as persoas" e demandou a creación dun "sistema público de atención ás persoas" con servizo de axuda no fogar, os centros de día e as residencias.

Malvido propuxo tamén aumentos orzamentarios en dependencia que se materialicen en máis prazas, até lograr un cociente de cinco profesionais por cada 100 persoas maiores de 65 anos.

"Sendo a Galiza produtora de enerxía e exportadora, debería existir unha empresa galega coa que os beneficios sirvan para baixar o prezo da luz", engadiu.

Para rematar, recalcou a "importancia" de conseguir o estabelecemento dun salario "que se equipare ao salario mínimo interprofesional, superando a Risga".

Investimentos

Maica Bouza, de CCOO, subliñou que as contas do ano que vén "teñen que estar destinadas ás persoas", en especial ás "familias máis afectadas pola crise". Así, solicitou "contías importantes" para medidas como os bonos enerxéticos e para a Risga. Igualmente, tamén demandou que se recupere a tarxeta para gastos básicos que estabeleceu a Xunta durante a pandemia.

Tamén demandou un plan "de choque" en sanidade, educación e servizos sociais; atención á dependencia, aos maiores e á discapacidade, ámbitos nos que avogou por "reforzar" recursos humanos e materiais.

Situación “excepcional”

Finalmente, José Luis Fernández, de UXT, aludiu á "situación excepcional" que determina a guerra en Ucraína e o seu impacto na economía galega e nas familias, para argumentar que "fai falta un orzamento extraordinario que incida no emprego".

O obxectivo, dixo, é "impedir" que este contexto "remate coa fuxida de xente e perda de activos" no país. Entre outros ámbitos, apuntou a servizos públicos "que están colapsados" como a sanidade e a dependencia.