Os salarios de 'mini-jobs' xa proliferan en Galiza: 172.000 traballadores cobran menos de 320 euros

En Galiza hai 295.380 asalariad@s que cobran menos do salario mínimo.Deles,172.000 traballan por menos de 320 euros ao mes, segundo un informe da UGT. E hai 130.000 parad@s que non cobran ningunha prestación por desemprego.

Ter un traballo non che tira de pobre. Cada vez máis datos certifican unha frase que coa crise se fixo case que diaria en informes, estudios e análises de todo tipo de colectivos, organizacións e mesmo institucións. Un informe do sindicato UGT sobre o mercado laboral galego vén dar máis unha volta de porca neste sentido.

O 30 % dos traballadores e traballadoras galegas cobran por baixo do Salario mínimo interprofesional (SMI). Un total de 295.358 persoas asalariadas no noso país que gañan menos de 640 euros ao mes. Dado ao que se engade outro non menos demoledor: desas case 300.000 persoas, 172.000 cobran menos da metade do salario mínimo, é dicir, menos de 320 euros mensuais.

"Aumentan as rendas do capital ao tempo que aumentan as desigualdades e desplómanse os salarios"

Son dados extraidos, indica Domingo Barros, responsábel de Emprego e Formación do sindicato socialista, dos dados de salarios de 2012 da Axencia Tributaria española. Barros denuncia o incremento das rendas do capital mentres se desploman salarios e prestacións. Todo iso nun escenario de “incremento da desigualdade e da exclusión social”.

O Estado 'aforra' a costa dos parados de longa duración

Neste informe de UGT tamén se destaca que no primeiro trimestre de 2014 o Estado español aforrou por volta de 68 millóns de euros en Galiza en prestacións de desemprego “pola perda de parados de longa duración”. O sindicato socialista calcula que o Estado aforrará no presente exercicio uns 300 millóns de euros nese concepto.