SOS Sanidade ve a man da Xunta nas represalias a dúas traballadoras do CHUVI

Mani sanidade Ponvedra

Para SOS Sanidade Pública, a dirección do CHUVI en Vigo tería tomado medidas en contra de dúas xefas de servizo por unha vinganza da Consellería da Sanidade polas críticas destas persoas á súa xestión.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, SOS Sanidade Pública, criticou as "represalias" que a dirección do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) tomou contra dúas  facultativas do centro polo seu “rexeitamento" á supresión do Servizo de Laboratorio no Novo Hospital de Vigo (NHV) e no de Meixoeiro e que, segundo denunciou, responden a "ordes da Consellería de Sanidade".

Nun comunicado, a asociación denunciou que a dirección do Chuvi "conminou" a xefa de sección de Análises Clínicas do Hospital Meixoeiro, Camen González, a abandonar un despacho que ocupara nos últimos dez anos, namentres que á xefa de sección de Hematoloxía deste centro, Lourdes Enríquez, retiráronselle as funcións de xefatura de servizo.

Privatización

Segundo SOS Sanidade Pública, coa supresión destes servizos dentro do "proceso de privatización dos centros hospitalarios públicos", axiña "gran parte das probas analíticas de toda Galiza serán realizadas por un Laboratorio Central adxudicado á empresa Unilabs, propiedade dun fondo de investimento internacional".