O SUP da Coruña desmárcase do acordo con Desokupa e pide a dimisión da secretaria xeral do sindicato

Un axente e un vehículo da Policía española. (Foto: Policía)
"É necesaria unha profunda reflexión dentro da nosa organización sindical", apunta o comité da Coruña.

O comité provincial do Sindicato Unificado de Policía (SUP) na Coruña desvinculouse do acordo da organización sobre formación de axentes con 'Desokupa'. Ademais, pide a dimisión da secretaria xeral do sindicato policial.

Nun comunicado, e en relación ao acordo alcanzado desde a executiva do SUP con 'Desokupa', desmárcase "completamente" do mesmo e avanza que non van organizar, "promover, publicitar ou anotar na provincia da Coruña dito curso".

Ademais, apuntan que existen compañeiros "plenamente capacitados e cos coñecementos en formación e experiencia profesional para impartir cursos de defensa persoal", entre outras técnicas.

Tamén solicitan a dimisión da actual secretaria xeral do SUP e que se convoque un congreso extraordinario antes de que acabe o ano. "É necesaria unha profunda reflexión dentro da nosa organización sindical", apunta o comité da Coruña, que apela ao logrado por compañeiros xa xubilados e a "non se pór de perfil".

O comunicado fíxose público despois de que, ademais, o secretario de Organización do Sindicato Unificado de Policía (SUP) de Bizkaia renunciase ao seu cargo e á súa condición de afiliado ante deríva "ultra" desta organización e o seu "inaceptábel" acordo sobre formación de axentes con 'Desokupa', unha plataforma "que promove a discriminación e o odio" e que pretende "debilitar a un Goberno lexitimamente constituído".