Os traballadores aproban estender a greve no transporte a partir do 13 de xullo a todos os días da semana

Imaxe da asemblea na estación da Coruña, vía CIG

Adoptaron esta decisión nas asembleas realizadas a primeira hora da mañá nas diferentes estacións de autobuses. A quinta xornada de paro está a ter un seguimento masivo.

Os traballadores do transporte de viaxeiros por estrada aprobaron esta terza feira estender a greve a todos os días da semana a partir do vindiero 13 de xullo. É dicir, os paros pasarían a ser de segunda feira a domingo e non só terza e cuarta feira, como están a realizar agora. A decisión adoptárona por práctica unanimidade nas asembleas realizadas nas diferentes estacións de autocarro, como as de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo, Ferrol e Pontevedra.

 

A decisión adoptouse a proposta dos sindicatos e tivo lugar na quinta xornada de greve do sector, que está a ter, igual que as catro anteriores, un seguimento masivo por parte dos 7.000 traballadores do sector, segundo os sindicatos. A Xunta fixou uns servizos mínimos en 40%, se ben este cumprimento está a ser baixo. 

 

As negociacións entre a Consellería de Infraestruturas e os sindicatos convocantes (CIG, CCOO e UXT) continúan após a mantida esta segunda feira e na que, recoñecen ambas as dúas partes producíronse avanzos. Así, chegouse a un acordo de subrogación,  que as centrais queren blindar co necesario financiamento. A cuarta feira acollerá unha nova xuntanza entre administración e sindicatos.

 

De por parte, patronal e centrais terán unha xuntanza de conciliación esta terza feira no Consello Galego de Relacións Laborais, para abordar os convenios, un dos alicerces -canda a retirada do plan de transporte da Xunta- da greve.

 

En ampliación