Traballadores de Navantia marchan contra a marxinación dos estaleiros

Imaxe: @AlvaroSeco

Medio cento de anti-disturbios fortemente armados ‘blindaron’ a sede da Xunta en Ferrol fronte uns operarios que reclamaban “máis carga de traballo e menos mentiras”.

Máis unha vez o naval de Ferrol na rúa, máis unha vez demandando carga de traballo e alertando da grave situación do sector e máis unha vez un cordón policial como resposta. E desta volta ese cordón policial eran por volta de medio cento de anti-disturbios fortemente armados (cascos postos, escopetas de pelotas de goma na man). Anti-disturbios que ‘blindaban’ a sede da Xunta en Ferrol, edificio ante o que finalizou a marcha de 1.800 operarios que partira dos estaleiros para pedir carga de traballo. “Máis traballo e menos policía” foi o lema máis coreado fronte a sede autonómica.

Durante a marcha, e segundo informa Patricia Hermida en El Correo Gallego, os traballadores mesmo fixeron unha parada ‘simbólica’ perante un comercio da cidade, so senador Juan Juncal, para lle recriminar a súa oposición ao dique flotante. O voceiro do comité de empresa, Ignacio Naveiras, lembrou que o tan ‘cacareado’ flotel de Pemex está a dar traballo a 400 operarios de industria principal e auxiliares. Navantia e Xunta venderan no seu momento que ía supoñer 2.000 empregos. “O Goberno do PP usa os contratos con fines electorais, mentindo e deixando os estaleiros desocupados" afirmou o voceiro do comité de Ferrol , segundo recolle P. Hermida. E animou os traballadores a acudir esta tarde ao teatro Jofre para se manifestar contra a visita do presidente da Xunta. Alberto Núñez Feijóo, que acude a Ferrol á entrega dun premio empresarial.