Transporte: CIG rexeita o acordo atinxido por CCOO e UXT coa Xunta: “O que avanzamos, tírano pola borda”

Critica que o texto deixe fóra medidas contra a precariedade no sector e outras cuestións que provocaron o conflito.

UGT e CCOO asinaron a última hora desta segunda feira 10 de xullo un acordo coa Consellaría de Infraestruturas no que CIG critica que se eliminen as dúas medidas contra a precariedade que permitirían avanzar na mellora das condicións laborais dos traballadores do sector do transporte.. “Este acordo deixa fóra precisamente as cuestións que provocaron o conflito”, indica a central nacionalista. Suprimiuse a obrigatoriedade de que a persoa acompañante fora contratada pola empresa de transportes e a prohibición de ETTs, ambas cuestións que estaban comprometidas xa nas xuntanzas anteriores, afirma a CIG.

 

Xesús Pastoriza, responsábel do sector de Transporte da FGAMT-CIG, e como así aclarou na xuntanza coa administración, indicou que “calquera acordo coa Xunta tiña que ir parello a un acordo coa patronal para darlle unha solución global ao conflito”. Ao tempo, lamenta que asinando o acordo, “o que tiñamos avanzado, CCOO e UGT tirárono pola borda ao asinar”. Engade que “a decisión adoptada por CCOO e UGT debilita a capacidade de presión da folga porque romperon a unidade sindical nas cuestións que nos levaron ao paro”.