Xustiza

O TSXG determina que os períodos de ERTE por Covid-19 non computan a efectos de percibir unha nova prestación de desemprego

Sede do TSXG, na Coruña. (Foto: Xoán Roberes)
A Sala do Social explica que ese tempo non pode computarse a efectos de ampliar a duración da prestación, debido a que, tal e como indicou o Supremo nunha sentenza, "a normativa especial Covid-19 non contempla ese dereito, sendo aplicábel a regra xeral que exclúe esa posibilidade".

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), de acordo co criterio do Tribunal Supremo, vén de avalar a resolución do Servizo Público de Emprego Estatal de non considerar como tempo de efectiva cotización, a efectos dunha nova prestación de desemprego, os períodos de ERTE por Covid-19.

A Sala do Social explica que ese tempo non pode computarse a efectos de ampliar a duración da prestación, debido a que, tal e como indicou o Supremo nunha sentenza, "a normativa especial Covid-19 non contempla ese dereito, sendo aplicábel a regra xeral que exclúe esa posibilidade".

"Razóase na sentenza indicada que o artigo 24.2 RD lei 8/2020 sinala que a exoneración das cotas empresariais non terá efectos para a persoa traballadora, 'manténdose' a consideración do devandito período como 'efectivamente cotizado para todos os efectos', pero desta última expresión non cabe extraer a consecuencia de considerar como cotizado para desemprego o tempo durante o que se perciben as prestacións por suspensión do contrato de traballo por forza maior Covid", indica o TSXG, á vez que lembra que o Tribunal Supremo estabelece que "a finalidade do disposto no artigo 24.2 non é outra que a de considerar como cotizados os períodos durante os que a empresa queda liberada desa obriga e non ingresa, en consecuencia, as cotizacións".

Desta forma, acolleu o recurso interposto polo Servizo Público de Emprego contra unha sentenza emitida polo Xulgado do Social número 2 de Vigo e rexeitou a demanda dunha traballadora, absolvendo o SPEE das pretensións deducidas na súa contra.

"Como se explica na sentenza de instancia, no caso aquí examinado non se discute se o período que a traballadora demandante pasou en ERTE-Covid-19 debe ser computado como consumido a efectos da futura prestación de desemprego percibida con ocasión do seu despedimento; de feito, de acordo cos feitos probados da sentenza recorrida, cando viu recoñecida a prestación de desemprego tras o seu despedimento, foi con 'días consumidos: 0'", explica o alto tribunal.

E engaden os maxistrados que o que se discutía é se ese período debía considerarse ou non como cotizado a efectos de desemprego para lucrar a futura prestación con ocasión do seu despedimento dunha empresa de deportes o 30 de decembro de 2022. A sentenza non é firme aínda, pois contra ela cabe interpor recurso de casación