Vestas amplía o prazo para negociar o ERE
A multinacional danesa Vestas decidiu prorrogar até esta segunda feira, 8 de novembro, o período de consultas do ERE que afecta á fábrica de Chavín, en Viveiro, cuxo prazo de negociación remataba onte.
Así se acordou nunha nova reunión en Compostela da mesa industrial, na que o presidente do comité de empresa de Vestas, David Mariño, indicou que a compañía "fixou unilateralmente" que esa prórroga sexa só até o día 8, pero traballadores e Administración coinciden en demandar que se amplíe até fin de ano para que haxa tempo a buscar posíbeis investidores.
Neste senso, destaca que "hai unha postura clara de todos os representantes desta mesa industrial", pois os traballadores e trablladoras de Vestas está "apoiado" pola Xunta e o Goberno estatal na petición.
Agora, comité e empresa emprázanse a unha nova reunión que terá lugar en Viveiro (esta segunda feira ás 16 horas), onde a representación sindical insistirá na necesidade desa ampliación.
Segundo apunta Mariño, a empresa "pode manter a actividade laboral para todo o persoal até final de decembro", polo que "non debería ter ningún problema" en ampliar a negociación. Aínda que os representantes de Vestas "non deixaron clara a postura", confían en que "igual poden pensalo".
Novo investidor
Doutra banda, a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, informou da existencia dun novo investidor interesado na planta, de forma que xa son nove as entidades interesadas na compra, aínda que non pode dar "máis datos" ao ser "moi incipiente".
Xunto a isto, Lorenzana sinala que "o transcendental" é que "necesitan os traballadores máis tempo para poder decidir en condicións sobre o despedimento colectivo", dado que "agora mesmo non se sabe aínda o futuro da compañía". Cre "imprescindíbel" que haxa acordo entre compañía e traballadores para unha ampliación "mínima" até final de 2021.
"Se a empresa ten unha intención de colaborar no proceso de transición, de venda a outro competidor, ademais de dicilo, tería que actuar en consecuencia", afirma Lorenzana, que deixa claro que esa ampliación "nada supón" para a compañía e "sería moi importante" para que os traballadores poidan decidir.