Xoán Xosé Bouzas liderará a unión das federacións de Química e Metal da CIG

Manifestación da CIG en Ferrol (Suso Pazos)

Nace a sección industrial do sindicato nacionalista, aprobada por 450 delegad@s, ante a que o secretario xeral, Suso Seixo, atacou a “institucións que están fóra do alcance da clase traballadora”.

A CIG-Industria, que reúne nunha mesma federación ao que antes eran as de Química e Metal, celebrou este sábado en Santiago o seu I Congreso baixo o lema “Industria é futuro. Sumando somos máis fortes” e elixiu como secretario nacional a Xoán Xosé Bouzas Aboi con 429 votos e 2 abstencións. No proceso, no que participaron uns 450 delegad@s, aprobáronse os Estatutos e escolleuse a Executiva e a aqueles que a representarán no Consello Confederal. Tamén saíu adiante o relatorio base, no que se definen as prioridades organizativas e de acción sindical que rexerán o traballo a desenvolver nos vindeiros catro anos.

 

Deste xeito, unha vez constituída a nova federación pasan a formar parte da CIG-Industria os traballadores/as das actividades industriais das centrais enerxéticas, refinarías, extracción de minerais, empresas de distribución enerxética, plásticos, cauchos, papel, pasta e cartón, artes gráficas, fertilizantes, pesticidas, desperdicios, sólidos, laboratorios, pinturas, xabóns, pirotecnias; e da industria siderometalúrxica en todas as súas ramas de fundición, fabricación de maquinaria, bens de equipo, material eléctrico e electrónico, vehículos, construción e reparación naval, siderurxia, metalográfica, instalacións metálicas, talleres mecánicos e manufacturados metalúrxicos e todos os que figuran no artigo “de ámbito de aplicación” dos catro convenios provinciais do metal.

Enfrontar os ataques

O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, tomou a palabra tras as intervencións das delegacións sindicais internacionais convidadas (CGTP-IN, ELA e LAB). O máximo responsábel do sindicato galego incidiu en que a fusión das dúas federacións responde a unha estratexia para reforzar organizativamente a CIG co obxectivo de enfrontar coas maiores garantías os ataques do capital contra a clase traballadora. Seixo lembrou que as políticas que están a aplicar os Gobernos español e galego buscan deteriorar e debilitar o movemento obreiro, polo que chamou a loitar en dous eidos fundamentais:

No campo ideolóxico, abrindo o debate entre @s presentes sobre o actual modelo económico e social, Seixo falou “dun modelo inxusto e antidemocrático que non garante os dereitos da maioría social”, e lembrou que o modelo de referencia da CIG é o socialista. Tamén fixo fincapé na necesidade de reivindicar soberanía para o noso país porque temos dereito como nación e porque non podemos permitir que decidan sobre os nosos sectores produtivos e as nosas condicións laborais, “sobre todo institucións que están fóra do control da clase traballadora”.