A Xunta rexeita a contraoferta dos traballadores de xustiza

Quinta xornada de greve e o seguimento continúa a ser masivo.

A  Xunta di non á proposta que esta segunda feira os sindicatos da administración de xustiza puxeron sobre a mesa para dar solución á greve indefinida. O vicepresidente do goberno, Alfonso Rueda, rexeitou esta contraoferta do comité de greve e instou os sindicatos a que reconsideren a negativa que deron á proposta do goberno. Unha proposta esta que se presenta como un “tomalo ou deixalo” polo que se desprende do dito polo propio vicepresidente: “[a oferta] non vai variar por moito que pasen os días”.

 

O comité de greve xa cualificara a oferta da Xunta de “ridícula” e fronte á mesma presentou outra na que rebaixaba as demandas iniciais, procurando así facilitar unha negociación e acordo.  Dous son os puntos de maior diferenza: a discriminación no desconto en baixas por enfermidade dos traballadores da xustizxa galega a respecto dos doutros territorios do Estado e a cuestión económica.

 

A quinta xornada de greve volveu, como nas anteriores, a ter un seguimento masivo, nomeadamente en Vigo e Pontevedra. Son miles os xuízos suspendidos e tamén os trámites que tiveron que ser adiados.