Opinión

Non é indiferente

Separar, segregar por sexos nas aulas non é algo indiferente, nin algo co que volver a experimentar á lixeira. Non dá o mesmo, non podemos calar.

Separar, segregar por sexos nas aulas non é algo indiferente, nin algo co que volver a experimentar á lixeira. Non dá o mesmo, non podemos calar.

A estas alturas da película, síntome por momentos como Sísifo coa súa maldición de ter que subir o mesmo pedrolo costa arriba unha e outra vez, xa que cae e volve a caer... Mais, en fin, alá imos argumentar unha vez máis... (aínda que só sexa para corroborar as nosas conviccións máis profundas). 

"É que se defende que rapazas e rapaces teñen cualidades intelectuais e/ou emocionais diferentes polo feito de seren dun ou doutro sexo?" 

Por que, tras os cambios democráticos, hai quen pretende seguir separando aulas e centros por sexos? É que se defende que rapazas e rapaces teñen cualidades intelectuais e/ou emocionais diferentes polo feito de seren dun ou doutro sexo? Teremos que volver a convencer de que grande parte das diferenzas  proveñen de ancestrais esteorotipos culturais que levamos séculos querendo rachar (e que nos últimos tempos institucións oficiais como as Secretarías -ou Direccións xerais ou mesmo Ministerios- de Igualdade dedícanse “teoricamente” a iso)? Que hai moitas nenas ás que lles gusta o rosa, si, pero non a todas ¡menos mal!; que a numerosos nenos devecen por moverse e xogar ao fútbol, si, pero tamén hai nenas xogando ao fútbol (malia o pouco propicio ambiente... tamén na actualidade) e nenos que andan sós no recreo ou en breve compaña sen xogar ao fantástico deporte rei. Debemos lembrar de novo que non ten consistencia falar de homes de Marte e mulleres de Venus, a non ser para reconfirmar antigos prexuízos (sen valor nin solera)?... Haberemos de facelo, aínda que só sexa (que hai moito máis, obviamente) porque hai unhas poucas nenas xogando ao fútbol e algúns nenos lendo e conversando tranquilamente, e non son monstros (en todo caso, ao contrario).  

Ensinan o mesmo nas aulas así diferenciadas? Ou teremos que encarnarnos no século XXI de novo na pel da decimonónica Concepción Arenal (tan recoñecida institucionalmente en nomes de rúas, centros de ensino, monumentos...) e loitar coma ela con denodadas forzas por unha educación igualitaria para as mulleres que deixe de lado “os labores propios do seu sexo” tan vividamente enumerados, descritos e sufridos por ela? Non me quero deixar levar por “malos pensamentos”, pero non se me ocorre ningún motivo para pensar que as beneficiadas vaiamos ser as mulleres. 

Ou é que cos mesmos contidos, ensinan con métodos ou ritmos diferenciados? Ah! pode ser por esa “aguda” observación de que rapazas e rapaces maduran a diferentes ritmos. Xa, pero, ¿todas as rapazas maduran axiña e todos os rapaces maduran algo máis tarde? Se se considerase que deberían ir todos/as ao mesmo paso, supoño entón, que habería que distinguir as clases por nivel de maduración (e seguro que non coincidía 100% nenas por un lado e nenos por outro) e, ao mellor, nos máis cativos habería que separar as aulas segundo o nacemento no primeiro ou segundo semestre do ano -como se fai en países do noso entorno- ou mesmo facer unha educación por niveis en distintos ámbitos máis que por cursos enteiros... E, noutra orde de cousas, ¿que facemos cos nenos/as con discapacidade -ou simplemente “diversos”-?, ¿segregámolos tamén dos “normais”... e á súa vez por sexos? 

"Ter que lembrar o tan tortuoso e difícil camiño percorrido ante unha lei Wert que proporciona concertos con centros segregacionistas, ante unha Secretaria de igualdade que está conforme... embárganos de cansazo, de mágoa... de rabia sobre todo". 

Ou será que queren profesorado diferenciado?... O dito de Concepción Arenal, e con ela e antes que ela, coa ILE (Institución Libre de Ensinanza) e moitas máis, vale para responder.

E que non fique no tinteiro: será preciso tamén argumentar falando das pouco “perniciosas” relacións que se establecen entre nenos por unha banda e nenas por outra? Somos da mesma especie, ¿non? Pois cómpre relacionarnos, e canto máis equilibradamente, mellor para ambos. Aquí saiome das nosas fronteiras, e permítome nomear a Betty Friedan e a súa mística da feminidade -máis que nada porque teño recente a súa lectura- que a principios dos pasados 60 tan ben amosaba o baleiro e malestar das que só se dedican “aos seus labores”. Lela pode provocar pesadelos coas sociedades que fomentan que as mulleres deixen de ser persoas para se converter en exclusivamente mulleres, pero tamén pode servir como vacina para as que se deixan embelecar polos beneficios do fogar e a maternidade..., e da publicidade. (Non sei que me dá non referirme aquí a Simone de Beauvoir, que tantas páxinas dedicou a convencer razoadamente de que o “segundo sexo” ha de ser considerado tan “primeiro” como o que xa o é,  e de que iso só traerá beneficios para todos e todas..., pero non se trata de facer unha tese e habería tantas ás que nomear...).

Así pois, con tanto por facer de cara a esa perentoria necesidade de deconstruir prexuízos e estereotipos de xénero (con tantos macro e micromachismos por desvelar e denunciar); con tanta urxencia por facelo, aínda que só sexa polas vítimas mortais e non mortais... ter que argumentar lembrando simplemente que os humanos somos iguais en dereitos (e por iso habemos de convivir dentro e fóra das aulas), ao tempo que diversos e múltiples en personalidades (as persoas, non as mulleres ou os homes)... ter que lembrar o tan tortuoso e difícil camiño percorrido ante unha lei Wert que proporciona concertos con centros segregacionistas, ante unha Secretaria xeral de igualdade que está conforme... embárganos de cansazo, de mágoa... de rabia sobre todo. 

África López Souto
19/09/2013

Comentarios