Desesperación ou demencia?

O liderado anglo-norteamericano da OTAN está enviando varias mensaxes codificadas co obxecto de preparar a opinión pública occidental para algún evento de transcendencia na Guerra do Leste ou no ámbito internacional. Ao absurdo asunto do globo meteorolóxico chinés, inflado ata límites esperpénticos para que apareza ante a crédula audiencia como unha cuestión de vida ou morte para a "seguridade nacional" ianqui, seguiu outra serie de noticias non menos disparatadas.

Como as referidas ao derribo de "obxectos voadores non identificados", dos que incluso se chegou a insinuar polos voceiros da Casa Branca que poderían ser de orixe extraterrestre. Alucinante, difícil facer máis o ridículo.

Neste contexto de "conmoción" informativa hai que encaixar o artigo do célebre xornalista norteamericano (e premio Pulitzer) Seymour Hersh, que (despois dunha importante investigación) non dubida en atribuír a voadura do gasoduto Nord Stream aos ianquis implicando directamente a Biden. Aínda que a Casa Branca desmentiu inmediatamente a información ninguén dubida que os datos que manexa Hersh foron subministrados por fontes próximas ao Pentágono e ás axencias de intelixencia. Que se pretende con esa noticia bomba (ocultada pola prensa mainstream)? Presumo que nada bo para Biden.

Por último, as advertencias do Departamento de Estado e doutras chancelerías europeas chamando aos seus nacionais para que abandonen con urxencia o territorio ruso e bielorruso poderían ter un significado máis preocupante. Semella algo parecido ao ocorrido hai un ano, antes da invasión rusa. A xustificación deste aviso sería a posibilidade de atentados terroristas neses países. Tamén resulta moi curioso que o motivo aducido sexan as posíbeis represalias rusas sobre cidadáns americanos e occidentais.

Por que ía ser así? Salvo que os hipotéticos atentados fosen realizados pola OTAN a través das súas coñecidas franquías, como o ISIS ou outras organizacións de tipo neonazi ou narco-criminais, que tanto abondan na Ucraína ou nos Balcáns. Só dende esa perspectiva e con pleno control dos acontecementos se pode advertir de algo así. Tensando a corda... ata que rompa. E os grandes medios en modo de silencio cómplice, cultivando a banalidade.

Preocupante. Sobre todo, despois de que o Kremlin denunciase publicamente que Kíiv está preparando unha sabotaxe de contaminación radioactiva na Ucraína (coa colaboración de Noruega que, curiosamente, acusa a Moscova de instalar armamento nuclear táctico nos seus buques de guerra) co obxecto de culpar a Rusia.

Iso podería ter certo viso de verosimilitude despois de que Bloomberg informase, de forma estrañamente coincidente, que a OTAN está preparando un plan de continxencia para "un conflito do artigo 5" (?) e unha batalla fóra da área atlántica (léase Taiwán). 

Quizais só esteamos ante simples manobras de distracción. A situación é enormemente crítica para o establishment ianqui. As enquisas revelan que Biden só conta co respaldo do 16% dos estadounidenses e cun nivel de rexeitamento extremadamente alto do electorado demócrata. E o ano que vén hai eleccións presidenciais en EUA. Mal asunto.