O espellismo cosmopolita

Abondan nos últimos tempos, dende a esquerda estatal, algunhas análises que inciden na importancia de tecer amplas alianzas internacionais para derrotar á Troika e ao Capital observando en todas elas a omisión do feito nacional, por ser considerado pouco menos que irrelevante ao efecto, xa que “un traballador de Cambados non está tan afastado dun traballador de Essen” segundo algúns. 

Abondan nos últimos tempos, dende a esquerda estatal, algunhas análises que inciden na importancia de tecer amplas alianzas internacionais para derrotar á Troika e ao Capital observando en todas elas a omisión do feito nacional, por ser considerado pouco menos que irrelevante ao efecto, xa que “un traballador de Cambados non está tan afastado dun traballador de Essen” segundo algúns. Esta concepción doutrinaria non é nova, pero recrúa na actualidade con motivo das vindeiras eleccións europeas para as que se quere construír unha estratexia apelando a un pretendido pensamento marxista, nun intento de relativizar e mesmo minimizar o feito nacional na concreción material da crise económica de cada país, e facendo táboa rasa de toda a inmensa achega teórica marxista contemporánea para explicar as grandes diferenzas socio-económicas entre o centro e a periferia do Sistema Capitalista e, xa que logo, a necesidade ineludíbel de diferentes estratexias e tácticas políticas a desenvolver en cada sitio. É esta diferente situación obxectiva, xunto coas características nacionais de cada país, as que impiden a formulación dunha abstracta Fronte Europea Unitaria contra a Troika porque as alternativas para resolver os problemas dun país como Galiza cun 23% de desemprego (minimizado pola crecente emigración) non poden equipararse coas que necesita outro como Alemaña cun 5,3% de paro (a pesar dunha frenética inmigración). Pero se o desemprego é un dato relevante no ámbito social non o é menos a riqueza ou o desenvolvemento económico en cada lugar. Expresadas en cifras do PIB per cápita Alemaña alcanza en 2013 —segundo o FMI— un valor de 32.600 € sendo o de Galiza de pouco máis de 20.000 euros, un 61% do alemán.

"A dilución das forzas políticas galegas nun contraditorio totum revolutum hexemonizado por forzas estatais centralistas españolas diluiría tamén a nosa específica problemática socio-económica no espazo cosmopolita español facendo inútil a existencia mesma das propias formacións nacionalistas".

Como se ve, os diferenciais económico-sociais entre o centro e a periferia son abismais, ademais das competencias políticas (inexistentes na periferia da periferia), evidenciando non só un estadio económico dos aledaños do sistema moi atrasado respecto do centro, senón o desempeño de países como Galiza dun rol económico e político cualitativamente diferente e subordinado. Este rol non mingua, e menos vai cambiar, porque na Alemaña ou en calquera outro país do centro haxa minijobs ou traballadores sobreexplotados —sempre os houbo, é consubstancial co sistema capitalista—, máis ao contrario, amosa a evidencia de que o nivel de integración da clase traballadora alemá no Sistema é moito maior e uniforme que na Galiza por mor das maiores oportunidades no centro e os déficits clamorosos de emprego e de servizos sociais na periferia galega, agravados in extremis pola falla de soberanía. Todos estes factores propios do nivel específico de desenvolvemento económico de cada país, xunto co seu imaxinario cultural e historia política, configuran situacións e actitudes nacionais imposíbel de obviar e das que se debe partir para activar unha resposta internacional válida ante a ofensiva neoliberal. É posíbel e desexábel tecer acordos internacionais, sempre como resultado da iniciativa das forzas de cada país buscando puntos de encontro en pé de igualdade, pero nunca renunciando aos intereses propios en aras dun superficial cosmopolitismo que en ningún caso favorecerá aos países máis atrasados.

Falabamos antes dos desequilibrios con Alemaña, pero non fai falla lembrar que eses desequilibrios —nun nivel máis baixo, como é obvio— tamén se dan con toda crueza respecto de España, con 3.000 € menos do PIB per cápita galego respecto do español, situación agravada por unha política de desmantelamento dos nosos sectores produtivos e financeiros estratéxicos executada polo Goberno Español que volve facer fluír con intensidade o fluxo migratorio de antano (no 2012 case 90.500 persoas marcharon fóra de Galiza).

Pero resulta instrutivo comprobar que en países como Euskadi ou Catalunya, cunha maior autoorganización nacional, este tipo de actuacións foron menos agresivas ou inexistentes. É, por tanto, evidente que a situación de acoso que padece a economía galega esixe dunha resposta específica que só se pode artellar de forma efectiva dende a autoorganización política do pobo galego. Ninguén vai facelo por nós, ou aínda hai alguén que cre nas paxariñas preñadas?

A dilución —en aras dun suposto e vacuo internacionalismo— das forzas políticas galegas nun contraditorio totum revolutum hexemonizado por forzas estatais centralistas españolas diluiría tamén a nosa específica problemática socio-económica no espazo cosmopolita español facendo inútil a existencia mesma das propias formacións nacionalistas. Para que necesitamos forzas políticas propias se todo se vai resolver cunha sacrosanta unión cosmopolita contra a Troika? Habería que disolvelas porque para reivindicar a nosa identidade, interpretada como unha categoría totalmente independente da nosa propia existencia material nun tempo e nunha terra, bastaría con algunha sorte de asociación de tipo folclórico, pouco máis que a versión franquista de “coros y danzas”.

"Os acordos internacionais de tipo electoral hai que configuralos dende a autoorganización, con posicións de principio e con organizacións políticas homologables, dende o punto de vista ideolóxico e territorial, construíndo dende abaixo e sen atallos as alternativas precisas".

Chegados a este punto creo que estamos en condicións de afirmar de maneira fiable que o elemento que define mellor a oposición aos plans do Capital Neoliberal e da súa expresión executiva político-institucional actual (a Troika) é a loita pola soberanía (o dereito a decidir) en cada país contra o proxecto transnacional imperialista, sexa cal sexa o desenvolvemento obxectivo da conciencia nacional en cada caso. Só dende a esixencia do dereito a producir e ao desenvolvemento das propias capacidades fronte á falsa uniformidade de superestruturas neoliberais como a Unión Europea se pode articular un auténtico discurso que poidan entender con clareza milleiros e milleiros de persoas afectadas pola crise. Esta non vai ser unha tarefa fácil, pero aqueles que pensen que o problema se vai resolver cun certo resultado electoral a curto prazo, ou practicando o bufonismo parlamentario, sen incidir nos aspectos cruciais do problema está totalmente equivocado e, de persistir nesa errónea actitude, o único que se vai lograr é perpetuar o statu quo do capitalismo neoliberal que se quere combater.

Por tanto, os acordos internacionais de tipo electoral hai que configuralos dende a autoorganización, con posicións de principio e con organizacións políticas homologables, dende o punto de vista ideolóxico e territorial, construíndo dende abaixo e sen atallos as alternativas precisas. A experiencia nacional e internacional evidencia que só aquelas alternativas políticas asentadas nas diferentes realidades nacionais, froito do traballo coherente e da perseveranza, están en condicións de avanzar e de gañar futuras batallas. Os espellismos de algúns, alimentados por uns media interesados na eterna división da esquerda e na subordinación da periferia, nunca poderán prolongar e controlar indefinidamente a indignación popular a través do WhatsApp . Ademais, estase confundindo a rebelión indignada e puntual —en calquera caso lexítima— de certos sectores sociais coa existencia dun amplo movemento organizado anticapitalista. Estes peculiares fenómenos de masas xa ocorreron antes en Europa —por exemplo, en 1968—, pero non estaría de máis lembrar que moitos daqueles que pedían de forma anárquica o “imposible” acabaron instalados ao pouco tempo en postos de responsabilidade do Sistema que tanto deostaban. Non volvamos cometer os mesmos erros.

Outubro, 2013