Inundaremos as rúas

O 11 de outubro de 2012 máis de 3500 estudantes galegas saían á rúa para exixir un ensino público e de calidade

 

O 11 de outubro de 2012 máis de 3500 estudantes galegas saían á rúa para exixir un ensino público e de calidade. Tratábase da folga do 11x12, convocada en conxunto polos pobos oprimidos do Estado Español. Dous anos despois, no 20 de febreiro de 2014, foron perto de 8000 as estudantes que inundaron o País, duplicando o número de persoas que participaron na folga estudantil. Estamos vivindo un momento de reactivación política, onde cada ano son máis as manifestantes, e as manifestacións. 

"A chamada Estratexia Universidade 2015 supón un novo aumento das taxas, a consolidación das bolsas-empréstito e a redución do grao universitario a 3 anos, mediante o sistema do 3+2"

Os motivos desta reactivación son ben claros: a crise do sistema e a involución social. Desde a implantación do Plan Boloña, coa suba das taxas, a redución das bolsas ou a masificación das aulas, a calidade do ensino universitario foi en declive. Esta situación agravarase de se levar adiante a chamada Estratexia Universidade 2015, que supón un novo aumento das taxas, a consolidación das bolsas-empréstito e a redución do grao universitario a 3 anos, mediante o sistema do 3+2. Así reducirase o grao a tres anos e aumentarase o mestrado a dous, polo que as estudantes teremos que pagar máis –as taxas dos mestrados son moito máis caras– e formarémonos menos –ao reducir a duración do grao–.

Alén destas reformas, o ministro de educación Wert tamén está a implantar a LOMCE no ensino non universitario, unha lei que promove unha educación patriarcal, españolista, neoliberal, antidemocrática e clasista. Con esta contrarreforma de corte neofranquista, elimínase o galego do ensino infantil, poténciase a segregación por sexos e o sexismo, e mercantilízase o coñecemento até o punto de que unha mestra de Filosofía se poderá ver obrigada a ensinar, por exemplo, sobre a iniciativa emprendedora. É unha lei que, obviamente, conta co rexeitamento de toda a comunidade educativa, a igual que o Plan Boloña e a EU15.

"Todas estas reformas educativas teñen como consecuencia a reactivación da loita estudantil, froito da quebra de dereitos que nos impiden conquistar un ensino público e de calidade"

Todas estas reformas educativas teñen como consecuencia a reactivación da loita estudantil, froito da quebra de dereitos que nos impiden conquistar un ensino público e de calidade. Pódese apreciar este proceso de reactivación no feito de que estamos ante unha folga convocada por todos os axentes estudantís, que abarca as asembleas e as organizacións estudantís que suman forzas coa participación de estudantes entusiasmadas con este novo proceso. Como ben dixo Lenin “A revolución comeza pola casa”, e nós debemos comezar nos centros de estudos para poder chegar ás rúas. Organizando unha loita presente no día a día e en todos os ámbitos estudantís.

E así o conseguiremos na vindeira folga estudantil do 26 de febreiro, na que as estudantes galegas inundaremos Galiza reivindicando o que é noso, loitando por un ensino público e galego.