Acábasenos a paciencia: indulto xa para Carlos e Serafín!
Cambiou o ministro de Xustiza, cambiou o ano, pero Carlos e Serafín continúan a agardar o indulto que impida que ingresen en prisión.
Cambiou o ministro de Xustiza, cambiou o ano, pero Carlos e Serafín continúan a agardar o indulto que impida que ingresen en prisión. Levamos moitos meses reclamando unha medida que corrixa a inxustiza dunha sentenza que condena a estes dous traballadores á cárcere polo feito de exercer os seus dereitos e participar nunha folga. Conforme pasan as semanas e os meses nesta espera, que supón en si mesma, unha condena para estes dous compañeiros e as súas familias, a nós acábasenos a paciencia.
A mesma fiscalía que exerce a defensa da irmán do rei a Borbón, foi o verdadeiro látego represor contra dous obreiros.
O mesmo Goberno que ten demostrado unha enorme axilidade para indultar a corruptos, a policías que torturan ou condutores kamikaze, móstrase moi insensible para concederllo a dúas persoas que o único delito que cometeron foi reclamar a mellora das súas condicións salariais e de traballo. A mesma fiscalía que exerce a defensa da irmán do rei a Borbón, foi o verdadeiro látego represor contra dous obreiros.
Queremos saber tamén que xestións fixo a Xunta de Feijóo ante o Goberno español para reclamar o indulto a Carlos e Serafín tal como decidiu o Parlamento galego por unanimidade.
Hai poucos días o novo ministro anunciaba a intención de reformar o artigo 315 do código penal. O mesmo que serviu para condenar a Carlos e Serafín. Di o Goberno que quere facer máis “proporcionais” as penas de cárcere que se contemplan. E nós dicimos, que iso non abonda. Que a única reforma que nos vale é que se deixe de criminalizar e castigar a quen exerza un dereito fundamental como é a folga.
A existencia de piquetes ten sido fundamental para permitir que moitos traballadores e traballadoras puideran secundar libremente unha folga
Nin os sindicatos, nin os piquetes informativos coaccionamos a ninguén. Moi ao contrario, a presenza das organizacións sindicais e a existencia de piquetes ten sido fundamental para permitir que moitos traballadores e traballadoras puideran secundar libremente unha folga.
Os piquetes, a presencia pacífica doutros compañeiros e compañeiras en folga ás portas das empresas, non coacciona a ninguén. Serve para quitar o medo que infunde o empresariado. Serve para contrarrestar as presións das empresas para impedir que se pare a produción.
A ver se se enteran: é a patronal quen coacciona á clase traballadora!
A ver se se enteran: é a patronal quen coacciona á clase traballadora! Son os empresarios que ameazan con despedirte se non acodes a traballar en día de folga. Son os que te preguntan na entrevista de traballo se estás sindicalizado, os que te botan á rúa cando decides presentarte a unhas eleccións sindicais ou os que te suxiren que votar a tal ou cal sindicato non vai ser bo para ti.
Po iso as continuadas coaccións empresariais a clase traballadora sempre acaban igual. En nada. Contra deles a mesma fiscalía apenas pide multas económicas mentres esixe prisión para nos os traballadores e traballadoras. Ningún empresario se enfronta a penas de cárcere por conculcar os dereitos da clase traballadora.
No mesmo momento en que Carlos e Serafín pisasen a cadea estarán a declararnos a guerra a todos e todas
O ministro Rafael Catalá, os presidente Feijóo, Mariano Rajoy e o Partido Popular teñen que saber que se nos está a acabar a paciencia. Teñen que saber que non imos permitir de ningunha maneira que ningún traballador ou traballadora se vexa privado de liberdade por defender os seus dereitos. Que golpeando a Carlos e a Serafín, a Ana ou a Tamara, a calquera traballador ou traballadora, estannos a golpear a todos e todas e xuntos daremos unha resposta contundente.
Temos demostrado que non nos falta paciencia, pero se hai algo que abonda inda máis na clase traballadora é a capacidade de dar conflito, a nosa enérxica combatividade para loitar polo que é de xustiza. Que non nos poñan a proba, porque no mesmo momento en que Carlos e Serafín pisasen a cadea estarán a declararnos a guerra a todos e todas.
Unha guerra que gañaremos levándonos por diante se fai falta a este Goberno amigo dos poderosos pero que exerce como puño de ferro contra as clases populares.