Opinión

Omnia sunt communia

A frase é un vello slogan tirado do berro das loitas de emancipación na revolución campesiña en Europa, a comezos do século XVI.

Hai ao longo da historia grupos de xente que, por diferentes motivos -filosóficos, por amor á humanidade, como camiño  emancipador das clases máis desposuídas, por motivos relixiosos de diversa índole, apocalípticos, motivos de benestar persoal e colectivo, etc.- defenderon e puxeron en práctica o uso común de todas as cousas. Para eses colectivos omnia sunt communia.
Hoxe, ao ler a frase pensamos que expresa unha poética e irrealizable utopía; algo que en teoría estaría moi ben, pero que é demasiado fermoso para ser real. Ao ler a frase pensamos que  é unha tolería. Porque, como aporse ao sacrosanto motor do "progreso", o beneficio individual, o lucro, a recompensa ao meu esforzo polo cal me converto en propietario e podo posuír bens en exclusiva? Tal convicción vénsenos á mente ao ler a frase que todas as cousas pertenzan a tódalas persoas. Inmediatamente pensamos que iso suporía pór patas arriba o modo dominante de pensar e entender o mundo. Suporía outra civilización. 

Outra "civilización". É verdade que que todas as cousas pertencesen a toda as persoas sería propio doutra "civilización", diferente a actual. 

Agora ben, cantas veces se ten falado ultimamente da "crise civilizatoria"? Estaría ben tomar en serio a tal crise e sermos audaces e desexar outra maneira, outro mundo.

Que todas as cousas pertenzan a todas as persoas non só expresa un profundo sentir de bastante xente, de non ser así, non hai futuro: seguiremos coa destrución da nosa vida e a do planeta. Por máis que pareza un sagrado imperativo a vixencia de "o meu", "o teu", "… non é senón unha montaxe destrutora; non é máis que o edificio con pés de barro da cultura dominante que leva a xustificar a fragmentación e a apropiación individual da vida toda: "eu podo pór a dose de reforzo e ti non tes vacina". Eu aprópiome do aire, do sol e do vento e ti morres; porque esta é a miña parcela de planeta e non é túa. A apropiación individual das cousas, e maiormente da terra, non é máis que a enganosa e interesada aparencia que está na base da "crise civilizatoria" que estamos a vivir. 

Hoxe angústianos o universo cheo de incerteza. Sentímonos angustiados polo real perigo de extinción da vida sobre a terra. Pero de todos os aspectos apropiadores e privatizadores que podamos enumerar, a privatización, do planeta é  verdadeiramente a máis radical e a que nos impide ter "mentalidade de especie". O que parece incuestionable divídenos, sepáranos, inventa a ficción da especie con capacidade de apropiación. De privatización. Funda o mito de que a Terra perténcenos, no canto de que nós pertenzamos á Terra. 

Teñamos en conta que o planeta é un todo, un sistema complexo cheo de interaccións e bucles de retroalimentación, parecido a un corpo vivo cuxas partes non poden estar partilladas. Non se pode fragmentar, e só se é de todas non o cortaremos dividíndoo en parcelas privadas.

A cobiza, e só a cobiza, é a que nos leva ata o bordo do caos. Por unha banda o decrecemento é cada vez máis evidente para a comunidade científica: é imprescindible camiñar cara a un sistema, cara a unha civilización, que non precise medrar e medrar nun planeta finito. E pola outra, o capitalismo é insostible: o afán do beneficio individual a curto prazo é o que nos trouxo ata aquí.
Así pois, todas as cousas son de todas as persoas. Non hai outra maneira de salvar o planeta. Pode ser curador reconsiderar e meditar a frase. Incluso podemos ir degustando a súa melodía. Certo que soa como algo discordante nesta emporcallada parcela onde a apropiación é o sinal de identidade; onde a propiedade privada é o pasaporte para a felicidade, por máis que a miña saúde supoña a túa enfermidade e o meu saber, a túa ignorancia. Diante deste panorama, teremos que dicir: é necesario, mais é impracticable?

Comentarios