As mulleres respondemos

Máis unha vez, un ataque cara ás mulleres, desta volta, cara ás músicas do país.

Dicían os comentarios da rede que parecía mentira que estivésemos no século XXI, que parecía imposíbel acreditar nalgo semellante: As mulleres non poden tocar!  (isto, segundo a organización de festas da "Romaría da Saleta" onde quixeron contratar un grupo de música tradicional galego, mais coa seguinte condición: "NON PODEN VIR TOCAR MULLERES PORQUE NON É TRADICIONAL")

 

Axudaime compañeira, 
axudaime camarada, 
axudaime compañeira, 
a facer a foliada.


Máis unha vez, un ataque cara ás mulleres, desta volta, cara ás músicas do país.

Dicían os comentarios da rede que parecía mentira que estivésemos no século XXI, que parecía imposíbel acreditar nalgo semellante: As mulleres non poden tocar!  (isto, segundo a organización de festas da "Romaría da Saleta" onde quixeron contratar un grupo de música tradicional galego, mais coa seguinte condición: "NON PODEN VIR TOCAR MULLERES PORQUE NON É TRADICIONAL")

"É incríbel que a estas alturas teñamos que explicar o imprescindíbel dos múltiples papeis das mulleres (transmisoras, intérpretes e creadoras) na música tradicional galega"

Aberrante.

A min véñenme á cabeza máis barbaridades: as mulleres non poden saír de noite á rúa, non podemos ir en minisaia ou non podemos pór un pano na cabeza. En Turquía, hai uns meses, dicían que as mulleres non podían rir. Unha traballadora dunha empresa de recollida de lixo (cunha sentenza gañada, por certo) non pode conducir o seu camión e exercer a súa profesión porque a empresa di que é cousa de homes, (como a música, como rir) así que tampouco podemos conducir. Para o goberno español, as mulleres non podemos ser donas dos nosos corpos ou non podemos ter os mesmos salarios que os homes. Somos silenciadas e segregadas; non podemos pois, falar. E poderiamos seguir e seguir até nos cansar.

As Habelas Hainas, un dos mellores grupos de música tradicional galega da actualidade, fixeron denuncia do acontecido na organización da "Romaría da Saleta", escribindo un manifesto e facendo un acto de protesta no Museo do Pobo Galego. É incríbel que a estas alturas teñamos que explicar o imprescindíbel dos múltiples papeis das mulleres (transmisoras, intérpretes e creadoras) na música tradicional galega.

Hai algo mais dun mes, celebramos o I Dia das Galegas nas Letras, onde lembramos o traballo de recolleita da música tradicional galega de Dorothé Schubarth, autora do Cancionero Popular Galego. As mesmas Habelas Hainas colgaron hoxe na rede unha noticia que falaba de Áurea Rodríguez, unha muller que dirixiu un cuarteto de gaita, clarinete e percusión nos anos 20, que deleitou a Arxentina e a Madrid co seu grupo Marabillas de Cartelle.  

"Temos Leilía, temos Señora Carmen, temos Uxía e Ugia, temos Peón, temos As Bouba, o grupo de GiraFoles... mais temos,  sobre todo e o que é máis importante,  vontade de mudanzas, vontade de esmagar tradicións patriarcais e excluíntes, vontade de facer a revolución cantando e bailando".                                               

Temos Leilía, temos Señora Carmen, temos Uxía e Ugia, temos Peón, temos As Bouba, o grupo de GiraFoles... mais temos,  sobre todo e o que é máis importante,  vontade de mudanzas, vontade de esmagar tradicións patriarcais e excluíntes, vontade de facer a revolución cantando e bailando.

As mulleres respondemos.

Após as declaracións do vicepresidente de Turquía, as mulleres turcas comezaron a rir, e inmediatamente a rede estoupou en risada conxunta, con vídeos onde as mulleres rían e rían a gargalladas, fartábanse a rir, escachando coa risa. Aquí fomos miles as mulleres a nos manifestar nas rúas polo dereito ao aborto, polos nosos dereitos. E as porcentaxes de camioneiras continúan a crecer día tras día.

Estamos nas mans do patriarcado, dos curas, da providencia, do capital. Mais temos mulleres que non calan, que non paran de tocar, que rin e que seguen bailando.

Quérennos coa boca pechada e non o terán. Proba disto é o que as Habelas fixeron. Berrar e cantar ben alto. Eu, aquí, desde esta outra latitude, no outro lado do mundo, decidín coller a pota que tiña na cociña e facer o meu propio acto de protesta simbólico, apoiando as compañeiras Habelas Hainas e o resto de persoas que estaban a reivindicar no acto de protesta no Museo do Pobo Galego. Así, batendo a miña pota chinesa, decateime de que cada acto, cada acorde, cada sorriso ou cada palabra, poden, puideron e poderán mudar as cousas. (Daquela tamén por iso comezo a escribir aquí, porque nos implicamos, porque non estamos mudas, queremos ser gaiteiras e ocupar os espazos que nos foron usurpados.)
Bravas Habelas Hainas e bravas as mulleres valentes, loitadoras, “tocadoras”, segadoras, etc. Seguiremos rindo, conducindo, tocando, bailando… todo o que nos pete.