Opinión

O derradeiro ano da política galega

Non se alarmen, pero este ben puidera ser o derradeiro ano da política galega.

Non se alarmen, pero este ben puidera ser o derradeiro ano da política galega. Pero non porque vaia cambiar, senón porque se vaia esvaecer coma unha néboa do verán da que só permanecen as lembranzas e os accidentes de tráfico.  Iso que demos en chamar “sistema político galego”, con espazos políticos diferentes e areas de competición específicas, axenda e discursos propios e partidos políticos do país ou de fóra pero tuneados para competir, leva tempo agonizando. As Municipais e Xerais que se agardan no 2015 poden mandalo definitivamente a mellor vida. Vaian preparando o seu mellor traxe escuro para o funeral.

O espazo político galego vai perdendo a súa especificidade. Cada ano se asemella máis ao característico das comunidades que se limitan a replicar con algúns matices o espazo político español. Aquela política galega con tres territorios perfectamente definidos e estruturados: o da dereita, o da esquerda socialdemócrata e o do nacionalismo semella un artefacto do pasado. Agora mesmo parece que nos debatamos entre o bipartidismo imperfecto ou o tripartidismo asimétrico.

Aquela política galega onde os chamados “temas de país” eran os que marcaban a axenda tamén vaise indo co vento. Para poder competir en Galicia todas as forzas debían de “galeguizar” dalgún xeito o seu discurso, definir unha posición nas relacións entre España e Galicia e engadir á súa oferta políticas públicas especificamente conectadas coa realidade da nación. Uns facíano por pura cosmética electoral e outros por convencemento, pero non quedaba outra que facelo.

Unha forza pode colocarse como a segunda do país sen dicir unha soa palabra sobre Galicia

Hoxe xa non é preciso galeguizarse, nin en serio, nin en falso. Unha forza da que principalmente sabemos que todo canto non sexan eles mesmos resúltalles vello e inservible, sexa esquerda, dereita, nacionalismo ou surrealismo, pode colocarse como a segunda forza política do país sen cumprir ningún deses requisitos de galeguización competitiva, sen dicir unha soa palabra sobre Galicia. Nin Fraga puido facer tal.

O nacionalismo galego afronta un ano electoral que lle devolve trinta anos atrás. Igual que o bipartidismo non é eterno, a supervivencia do nacionalismo galego non está asegurada. Depende da súa capacidade para serlle útil ao país. Os pobos tenden a desprenderse de todo aquilo que non lles rende. O nacionalismo galego semella debaterse exclusivamente entre a resistencia e a subsistencia e así serve de pouco e só serve a uns poucos.

Nos comicios de 2015, todo canto non sexa desaparecer semellará unha boa nova. Pero non o será tal. As batallas de fai tres décadas non lle importan ós novos votantes e os vellos están cansos de cambiar o seu voto pola fe nun futuro mellor. O nacionalismo ten sentido en Galicia se presenta un proxecto de goberno que aspire a ser maioritario e levar definitivamente o país ao século XXI. Mentres non entenda iso os votantes que non perda, iranlle morrendo.

100 MIL VOTOS MENOS, 3 DEPUTADOS MÁIS

Aquela dereita galega que sempre debía buscar a maneira de definir un certo grao de autonomía fronte á Madrid para reter o voto galeguista conservador tamén semella auga pasada. O perfil autonomista dos populares galegos quedou nunha aventura de tempos máis novos e tolos. Hoxe os populares galegos só compiten por ser os primeiros en executar o que diga Madrid e a poder ser executalo mellor e con máis saña. O voto galeguista conservador non terá a onde ir e como moito quedará na casa. Do resto dos votantes populares só sabemos que algúns van quedar na casa e a maioría aínda non sabe ben qué decidirá. O lóxico será asumir que farán o que sempre fixeron en circunstancias similares: ir votar. Que sexan menos non constitúe necesariamente un problema se a fragmentación se dispara entre os competidores. Con cen mil votos menos, Núñez Feijóo sumou tres deputados máis nas últimas galegas.

Hoxe os populares galegos só compiten por ser os primeiros en executar o que diga Madrid e a poder ser executalo mellor e con máis saña

Dos socialistas o que principalmente sabemos é que hai baile e os líderes sucédense nunha interminable versión en serie B de Xogo de Tronos que só lles preocupa aos xerarcas do partido. Logo das municipais no socialismo galego pódese reproducir un desequilibrio moi similar o que lastra o socialismo español. Igual que todo en España pasa polas ambicións de Susana Díaz e o monopolio andaluz, todo en Galicia pode pasar polos desexos de Abel Caballero e as necesidades do socialismo vigués. Un remedio que semella bastante peor que a enfermidade.

O ano que xusto empeza non resultará coma outros anteriores. Vai haber cambios e a política galega pode deixar de ser tal. Seguramente podamos seguir vivindo coma galegos, pero vainos custar bastante máis traballo poder seguir votando coma galegos.

Este artigo viu a luz no número 128 de Sermos Galiza, publicado o 8 de Xaneiro de 2015 e disponíbel aquí na nosa loxa.

Comentarios