U-la Consellería de educación?

Antes de que o día 13 de marzo a Consellería de educación ditase as primeiras instrucións dirixidas ás direccións dos centros educativos, había varias semanas que os medios de comunicación informaban sobre as medidas dalgunhas empresas para organizar o teletraballo e do que facían nos lugares aos que a pandemia afectou antes que a Galiza.

Cando se produce o previsible peche dos centros, cal é a análise que tiña feita a Consellería? Coñecía os recursos dos que dispoñía para organizar o teletraballo? As aulas virtuais que estaban operativas? O profesorado que estaba empregando estes recursos? As posibilidades de seguimento por parte do alumnado? Parece que non, xa que a súa única instrución foi que “a titorización e a atención do alumnado realizarase cos medios non presenciais, telemáticos, telefónicos ou doutra índole dos que dispoñan os centros e as familias”, basicamente, que cada quen se apañe como poida.

Nin sequera se toma unha decisión sobre a asistencia do profesorado, indicando que: “establécese a presenza do persoal docente que determine o equipo directivo”.

Afortunadamente, O Real Decreto 463/2020, publicado un día despois, suspende a actividade presencial en todos os centros educativos, cando xa había inspeccións e direccións que estaban establecendo servizos mínimos presenciais nos centros.

O 27 de marzo, a Consellería remite unhas novas instrucións ás direccións. Decídese o peche formal da 2ª avaliación. Había que tomar unha decisión, e, neste caso, a Consellería tomouna, inda que, sen o consenso da representación sindical do profesorado.

O mesmo día 27, despois de dúas semanas de traballo do profesorado e dos centros, a Consellería de educación crea un servizo de videoconferencias con tantas eivas e limitacións (“de carácter temporal, suxeito ás capacidades das redes de comunicación, que se manterá mentres duren as circunstancias actuais”) que boa parte do profesorado e dos centros continúa a traballar cos sistemas que viñan empregando, afeitos á falta de criterio da Administración educativa que o mesmo promociona o software libre que asina un convenio con Microsoft, o mesmo crea E-Dixgal que anima ao uso de Moodle, que o mesmo compra ordenadores para evitar a fenda tecnolóxica que os reparte nos centros concertados.

Co anuncio do Goberno estatal de que o estado de alarma se vai prolongar e cando moitas Comunidades xa deron instrucións para o desenvolvemento do curso, cal é a información que dá a Consellería de educación? Haberá oposicións? Que vai pasar co alumnado que continúa realizando Erasmus fóra de Galiza? Como se recuperarán as materias suspensas na 1ª e 2ª avaliación? Como se vai desenvolver a 3ª avaliación? ...

A conselleira de educación, coas persoas que levan décadas agochándose en San Caetano para non ir traballar aos colexios e institutos seguen nun silencio máis que incompetente, delitivo.