A blindaxe mediática de Feijóo

A liña aberta por Jorquera no último debate sobre o caso Feijóo-Dorado no Parlamento -a eventual conexión da trama do narcotráfico coa Gürtel- non foi a noticia para o relato mediático imperante.

 

A liña aberta por Jorquera no último debate sobre o caso Feijóo-Dorado no Parlamento -a eventual conexión da trama do narcotráfico coa Gürtel- non foi a noticia para o relato mediático imperante. Foi o balbordo. Foi o barullo. Foi o corpo ao corpo no que tan cómodo se sente Feijóo.

En realidade, a blindaxe mediática é a única explicación disponíbel para explicarmos por que sobrevive politicamente un presidente do goberno que é capaz de comparecer nun Parlamento e saír del sen dar nen unha soa explicación nen resposta ás perguntas formuladas polos portavoces da oposición.

Feijóo ten aí dúas técnicas básicas. Unha finxir ignorancia. Dúas borrifar acusacións contra a oposición.

Vaiamos á primeira das técnicas. Finxir ignorancia. Non sabía a que se dedicaba Marcial Dorado. Ignoraba que Pablo Crespo estaba en Portos de Galiza. Tampouco reparara en que De Sousa continuaba a ser presidente do padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea (até que Sermos Galiza o publicou en exclusiva, o que provocou o aparecimento dunha carta do empresario ao conselleiro de Cultura coa súa renuncia datada o 10 de Novembro de 2012!!!).

O presidente da Xunta tenciona converter o caso Feijóo-Dorado no caso Oposición Dividida e Barullenta

A segunda das técnicas é a de converter o caso Feijóo-Dorado no caso Oposición Dividida e Barullenta. Aí Feijóo e os seus corifeos son mestres. Consagrados columnistas como XC Caneiro ou R. Blanco Valdés entréganse con paixón a alicerzar esta liña comunicativa feijoniana.

Mas nada disto serviría se o Goberno non tivese á súa disposición meios de comunicación públicos sufragados polos impostos de tod@s. O que non sae na televisión non existe. E se sai, que saia ao gosto do goberno. Feijóo aquí aplica como aluno avantaxado as ensinanzas do profesor Fraga.

Aliás, a telemadridización da TVG comeza a pasar factura ao partido gobernante.  Os últimos dados de audiencia son moi elocuentes. Cae a audiencia da televisión galega na mesma medida en que se incrementa a doutras emisoras -españolas, claro- que están a apostar na difusión dos escándalos que abalan o PP, desde o caso Bárcenas até o caso Feijóo-Dorado. Os servizos informativos da TVG nunca gozaron de boa reputación, mas os seus índices de audiencia eran máis que aceitábeis. Iso está comezando a mudar, na medida en que o control gubernamental se fai máis obvio a ollos de milleiros de cidadáns.

O PP séntese acurralado e reaxe endurecendo o control sobre os meios. A súa debilidade é que felizmente as vías alternativas para se informar comezan a ser de uso cada día máis masivo.