A Xunta debe cesar a Fernández de Sousa

Os dirixentes do PP galego abalan entre o despiste e a desmemoria

 

Os dirixentes do PP galego abalan entre o despiste e a desmemoria. Sermos Galiza publicou a pasada sexta feira que o Goberno galego mantén na presidencia do padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea a Manuel Fernández de Sousa Faro, presidente de Pescanova e responsábel da calamitosa situación na que se acha a compañía galega. Pois ben, inquerido hoxe por Sermos Galiza a ese respeito, o portavoz do grupo parlamentar do PP, Pedro Puy, gambeteou ao máis puro estilo Feijóo e afirmou ignorar que o empresario figurase no padroado. Un crack.

Certo apampamento si teñen estes dirixentes do PP. Lembremos que Puy pertence a un partido dirixido en Galiza por unha persoa que debía ser o único cidadán galego con acceso a información que á altura de mediados dos 90 ignoraba (!!) a que se dedicaba Marcial Dorado, persoa detida con grande aparato mediático polo estelar xuíz Garzón na Operación Nécora. Pois ben, agora resulta que Puy tampouco lía a imprensa en marzo de 2011 cando todos os meios publicaron a noticia de que o Goberno galego nomeara Fernández de Sousa como presidente do padroado do CGAC. Trompeteou daquela o staff de propaganda de Monte Pío que a fichaxe -escintilante- se realizaba dados os extraordinarios méritos de De Sousa como capitalista patrio.

De Sousa foi nomeado presidente do padroado por un decreto do goberno galego. Debe ser separado do seu cargo por quen o nomeou

Agora sabemos que o capitalista patrio acumulou débedas por valor de 3.100 millóns de euros e que, non contento con iso, vendeu accións da súa empresa sen llo comunicar ao resto de membros do Consello de Administración e antes de ir a preconcurso, o cal indica que pretensamente fixo negocio utilizando información privilexiada. É máis: parte do botín empregouno en emprestarlle diñeiro (a xuros draconianos) á súa propia compañía, co cal agora devén en acredor desta (non me digan que non é unha xogada mestra que coloca a De Sousa na esteira de grandes plutócratas/cleptócratas como Madoff, todo sexa dito presuntamente).

De Sousa foi nomeado presidente do padroado por un decreto do goberno galego que leva a asinatura de Feijóo. Debe ser separado do seu cargo por quen o nomeou. O cesamento debe saír no Diario Oficial de Galiza.

Argumenta leguleio Puy que a do Padroado non é a cuestión prioritaria no asunto Pescanova. Certo. Mas aquí non se trata de estabelecer unha prelación de prioridades, trátase de determinar se o Goberno galego mantén ou non a confianza en Fernández de Sousa. Esa é a pergunta que ten de contestar xa non Puy, senón Feijóo.