Angrois: o Estado continúa a safar

Pasou un ano da traxedia de Angrois. Un ano marcado pola impunidade

 

Pasou un ano da traxedia de Angrois. Un ano marcado pola impunidade. Non só a xudicial, xa sabemos cales son os ritmos e os prazos da xustiza, senón sobre todo a política. Non houbo, nin ten traza de que a vaia haber, a máis mínima asunción de responsabilidades por parte do Estado español, propietario das infraestruturas en que se produciu o accidente, dos ausentes sistemas de seguranza e da máquina, o tristemente célebre Alvia sinistrado. E non a houbo por absoluta falta de vontade por parte do goberno estatal e por parte do aínda primeiro partido da oposición.

Boa proba de que para as elites políticas españolas este é un asunto de Estado é o acordo entre o PP e o PSOE para sistematicamente bloquear a abertura dunha comisión de investigación que esclareza o acontecido do punto de vista político e, consecuentemente, contribúa para determinar as responsabilidades.

Hai máis de 3 décadas que Catalunya ten unha compañía ferroviaria propia. En Galiza nin existe nin está na axenda

PP e PSOE teñen moito que agachar neste asunto, incluídas responsabilidades políticas con nomes e apelidos. Porén, non se trata só de persoas individuais safaren. Trátase tamén de que non se poña en cuestión o actual reparto competencial entre o Estado e Galiza. Trátase tamén de que non se visualice que en materia ferroviaria o Estado español continúa a ser tan centralista como durante a ditadura. Non esquezamos que até un Estatuto de Autonomía tan raquítico como o que vigora no noso país ten unha disposición que contempla a transferencia a Galiza de competencias en materia ferroviaria. Hai máis de 3 décadas que Catalunya ten unha compañía ferroviaria propia. En Galiza nin existe nin está na axenda.

A estratexia de defensa do Estado español na traxedia de Angrois non sorprende a sociedade galega. É o mesmo guión que se despregou co Prestige. Alí o culpábel era o capitán, aquí o maquinista. O Estado non ten nada que dicir. Nin sequer que declarar perante o xuíz.

Un ano despois, Angrois e Galiza agardan aínda por xustiza. É necesario que se establezan as responsabilidades, mais tamén rachar coa dependencia e avanzar cara á un escenario que dote a Galiza de competencias sobre os camiños de ferro e unha compañía ferroviaria propia.