Ao fío dunha enquisa electoral

A enquisa de La Razón, un medio que non é precisamente favorábel ao nacionalismo, dá por feito que o PP perderá as vindeiras eleccións autonómicas, xa que lle dá un mínimo de 34 e un máximo de 37 deputados/as.

A enquisa de La Razón, un medio que non é precisamente favorábel ao nacionalismo, dá por feito que o PP perderá as vindeiras eleccións autonómicas, xa que lle dá un mínimo de 34 e un máximo de 37 deputados/as. Dados tan negativos para Feijóo, non son facilmente reversíbeis, aínda que o Goberno central adíe certas medidas que castigan ás clases populares e a Galiza, como: que vai pasar con NGB; o sector gandeiro e pesqueiro; o Tax Lease; o tema das preferentes; as pensións; etc. Por máis que este xornal de dereita, españolista, queira presentar do mellor xeito posíbel o tema non pode agochar que as expectativas son malas para Feijóo e compaña.

No medio, que amosa as súas xenreiras sen ningún recato, os resultados serían “un batacazo” para o BNG, xa que perdería dous deputados/as, pasando dos actuais 12 a só 10. lembremos que despois da ruptura díxose que o BNG estaba fundido, que perdía a metade da organización, agora os prognósticos son menos negativos, seguramente porque os medios non queren ficar en ridículo despois das eleccións, malia que non disimulan a súa fobia contra o nacionalismo de esquerda. Tomando como boa a enquisa, que é moito dicir, o BNG partiría dun chanzo mínimo de 10 deputados/as, ou sexa que as escisións non lle afectaron, xa que esta queda xa se lle daba con anterioridade, e seguramente deu azos ás diverxencias internas.

 


"Dados tan negativos para Feijóo, non son facilmente reversíbeis"

O que resulta estraño para calquera profano, non para os que militamos no nacionalismo hai décadas, é que non se considere un fracaso que Anova e Compromiso teñan resultados tan cativos, máxime cando se gababan de que eles tiñan os votos e, por certo, contaron cunha comprensiva cobertura mediática, que mesmo alentou a ruptura. Darlle a Anova un máximo de dous deputados/as, non seguros, e a Compromiso ningún, amosa que hai dirixentes que constrúen proxectos no ar, que se sobrevaloran os méritos propios e ignoran os dos demais, e que polo tanto, fanse análises da realidade social que non son correctas. Recoñecerano? A proposta de Beiras de constituír unha gran fronte incluíndo a nacionalistas (mesmo ao BNG) e partidos estatais é a demostración da falta de norte, de quen fai castelos no ar e despois non sabe como saír da poza e quere deformalo todo.

A mesma enquisa dálle un aumento importante a UPyD, que podería conseguir até dous deputados/as. Trátase dunha organización de dereita pura e dura, por máis que se disfrace de opositora do poder e da corrupción, con propostas negadoras das nacións dependentes e colonizadas, da contradición entre clases e defensora a ultranza do neoliberalismo. Sen dúbida pódelle interesar ao PP que repañe votos dos descontentes coa súa política ou, como menos negativo, que opten pola abstención. Daquela haberá moita campaña suxa, moito ventilador. Tamén a esquerda estatal, EU, podería obter até dous deputados. Deste xeito o futuro Parlamento contaría co dobre de forzas políticas, o que para min non é algo negativo, xa que penso que a pluralidade pode aportar un debate máis vivo, veríase que defende cada un. Isto permitiría que cada forza se perfile sen ningún tipo de condicionantes, como por exemplo os que son produto dunha cámara con dous partidos que, no esencial, defenden os alicerces do modelo globalizador e neoliberal que son fundamento da Unión Europea, cercando nos temas estratéxicos ao nacionalismo.

En todo caso, o BNG parte dunha situación consolidada, xa que para alén das valoracións ideolóxicas que fan estes medios, o certo é que tería garantido 10 deputados/as, polo que é a única forza do nacionalismo que ten unha importante representación asegurada. E isto non é pouca cousa, xa que ningunha das outras opcións do nacionalismo ten garantido obter presenza no Parlamento. O BNG é polo tanto o voto útil dos nacionalistas e daqueles que consideran a Galiza como a súa principal identidade!

 

"Se o BNG foi quen de pechar feridas en tan pouco tempo,ben é capaz de aumentar significativamente o número de votantes en mes e medio"


Agora ben, o máis importante é que o BNG acadaría estes resultados cunha liña política moito máis claramente de esquerda e nacionalista, achegada aos movementos sociais, volcada na mobilización e dando resposta ás moitas agresións contra as clases populares. Se o BNG foi quen de pechar feridas en tan pouco tempo, como se amosou na Convención Nacional e no Día da Patria e agora reflicte esta enquisa (repito, que están feitas por aqueles que nos quixeran ver destruídos), ben é capaz de aumentar significativamente o número de votantes en mes e medio de campaña. Para conseguilo axuda moito que hoxe se teñan obxectivos claros, unha forte praxes política e social, persoas acaidas e firmes, e sobre todo unha confianza renovada na organización de vellos e novos activistas. Non todo está solucionado, mais estanse dando pasos no camiño correcto. O importante é derrotar á dereita españolista. Porén, para que isto signifique máis que un cambio nas formas, cómpre que o BNG obteña uns moi bos resultados. En Bloque podemos.

Manuel Mera