Avións no ceo de Europa

Triste o papel da decadente Europa en xeral, e do Reino de España en particular, no asunto Morales-Snowden. O acontecido co avión do presidente boliviano é tan grave e obsceno que nin os voceiros do grupo PRISA, que día tras día  aproveitan calquera ocasión para se mofaren das esquerdas latinoamericanas e dos seus líderes, puideron construír relato xustificativo algún.

Triste o papel da decadente Europa en xeral, e do Reino de España en particular, no asunto Morales-Snowden. O acontecido co avión do presidente boliviano é tan grave e obsceno que nin os voceiros do grupo PRISA, que día tras día  aproveitan calquera ocasión para se mofaren das esquerdas latinoamericanas e dos seus líderes, puideron construír relato xustificativo algún.

Dende hai cinco séculos, España vén roubándolles a merenda aos países do Sur para llela dar aos do Norte. Triste papel, triste potencia, triste complexo. 

A Unión Europea danou gravemente, coa actuación coordinada de varios dos seus países membros máis importantes, as súas relacións cunha América Latina que amosa nestes días a súa lexítima indignación ante a humillación gratuíta e impune dun dos seus representantes. O Reino de España, pola súa banda, priorizou o seu papel de felpudo dos Estados Unidos sobre o seu vencello cun país irmán como o é o Estado Plurinacional de Bolivia, facendo gala máis unha vez da súa tradicional covardía de exercer o matonismo cara aos máis febles e a postración ante os máis poderosos. Dende hai cinco séculos, España vén roubándolles a merenda aos países do Sur para llela dar aos do Norte. Triste papel, triste potencia, triste complexo. 

Pode alguén imaxinar o avión de Obama, o de Merkel, o de Rajoy ou o de Hollande retido por algún país latinoamericano por causas e en condicións similares ás que tiveron catorce horas nunha sala do aeroporto de Viena ao presidente boliviano? Será que a inmunidade diplomática do avión do xefe dun Estado soberano da América do Sur non entra no tan cacarexado principio de seguridade xurídica? Ou será este un deses principios, xunto co de liberdade de prensa, o de calidade institucional e tantos outros, aos que os países da periferia mundial deben xurar diariamente pleno sometemento pero sobre os que os países centrais poden exercer, permanentemente e con total impunidade, as máis brutais e descaradas violacións? Como pode ser que o ceo europeo que atravesaban os avións clandestinos da CIA cargados con presos destinados á prisión infame de Guantánamo estea pechado para o tránsito do xefe dun Estado soberano e democrático de regreso á casa?

Pode alguén imaxinar o avión de Obama, o de Merkel, o de Rajoy ou o de Hollande retido por algún país latinoamericano por causas e en condicións similares ás que tiveron catorce horas nunha sala do aeroporto de Viena ao presidente boliviano?

Assange e Snowden -ningún deles europeo- están a revelar a dilixencia dos países do Vello Continente á hora de lle faceren o traballo sucio aos Estados Unidos, para este país poder adicar todo o seu tempo a espiar aos anteriores. O Reino Unido e Suecia fanllo con Assange mentres Francia, Italia, Portugal e España fanllo con Snowden. Pero da outra beira do Atlántico chegounos unha nova mostra de dignidade, coa Unasur reunida en Cochabamba en apoio ao presidente boliviano para amosar a súa carraxe colectiva e emitir unha condena unívoca e a esixencia contundente de desculpas oficiais e responsabilidades. Canto podemos aprender desa América do Sur que todos os días nos chaman a desprezar no papel dos xornais, nas ondas de radio e nas pantallas das televisións! Foi moi claro o vicepresidente boliviano García Linera: “Hoxe os países bananeiros non están en América Latina; hoxe os países colonizados están en Europa.”