Balance do Goberno de Feijóo (3). Deterioro do ensino público

Estas son algunhas das consecuencias da política educativa do Goberno de Feijóo: menos cartos para educación nos orzamentos da Xunta, menos profesores, reagrupamento de diferentes niveis educativos na mesma aula, supresión de Preescolar na Casa, eliminación das Galescolas, redución dun 20% dos cartos para o ensino universitario; a matrícula na universidade podería subir até un 66%, cun incremento de 540 euros por curso.

Estas son algunhas das consecuencias da política educativa do Goberno de Feijóo: menos cartos para educación nos orzamentos da Xunta, menos profesores, reagrupamento de diferentes niveis educativos na mesma aula, supresión de Preescolar na Casa, eliminación das Galescolas, redución dun 20% dos cartos para o ensino universitario; a matrícula na universidade podería subir até un 66%, cun incremento de 540 euros por curso. Peche de comedores escolares e diminución dun 50% das axudas que reciben as asociacións de nais e pais que xestionar os comedores; reduciuse en 45 millóns de euros o presuposto das universidades; baixou un 23,6% en dous anos os cartos dedicados para o alumnado en risco de exclusión e para a prevención do fracaso escolar; descendeu un 40% nos dous últimos anos as partidas para reparación e construción de novos centros, etc. En definitiva, un retroceso de trinta anos para o ensino público.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público rexeitaba esta política e os recortes contidos no Real Decreto-Lei 14/2012: “O actual goberno galego veu aplicando sucesivos recortes no ensino público e reduciu en 425 millóns de euros os orzamentos en relación aos do ano 2009, o que provocou a perda de máis de 2.000 docentes e a conseguinte falta de dotación necesaria para facer fronte á atención á diversidade, ao reforzo educativo e á necesidades educativas especiais. Eliminaron a gratuidade dos libros e non cobre as baixas do profesorado inferiores a quince días. Gastáronse millóns de euros en tirar con libros por estaren en galego, incrementaron as axudas aos centros privados, mesmo cando segregan o alumnado por sexo. Co pretexto da crise, golpéase, de maneira grave, o ensino público, pondo en cuestión o dereito á educación das clases populares.”

Nos últimos sete anos o profesorado na educación concertada tivo un aumento do 9,5%, pasando de 4.859 a 5.321. Nese período a pública creceu só un 2,4%. Segundo datos do propio ministerio de Educación, no curso 2011-2012 houbo un recorte de 1.137 profesores en Galiza, pasando de 29.730 a 28.593. Esta redución do 3,8% é a maior de todas as comunidades autónomas.

Unha Orde da Consellería de Educación (DOG do 20 de agosto de 2012) recollía unha redución de 132 unidades de educación infantil e primaria e 199 postos de traballo nesa etapa e 993 profesores en Secundaria, ao mesmo tempo que incrementaba en 16 o número de aulas nos centros privados concertados.

O Real Decreto Lei 14/2012 aprobaba un incremento dun 20% da ratio de alumnos por aula; en infantil e primaria pasaría de 25 a 30 alumnos e en secundaria de 30 a 36 alumnos por clase. Feijóo dixo que esta medida non se aplicaría en Galiza, pero no comezo do curso 2012-2013 sindicatos e asociacións de nais e pais xa denunciaron que se está a superar esa ratio máxima. Aumenta o número de horas lectivas do profesorado (é dicir, con presenza de alumnos porque a xornada laboral é de 37 horas) que pode chegar até 25 horas á semana en infantil e primaria (antes 20 horas) e a 20 horas en secundaria (antes 18). Non terán substituto as baixas do profesorado de até dez días, que serán cubertas por persoal do propio centro educativo. Medidas que van incidir gravemente na calidade do ensino público.

“Acabáronse as Galescolas”, declaraba Feijóo tres días despois de gañar as eleccións. Desmantelaba así un modelo de ensino público e en galego para as crianzas, que se iniciaba en setembro de 2007 e que recibiu eloxios do Consello de Europa  no seu informe de 2008 sobre as linguas minorizadas. Coa chegada do PP empeoran as condicións laborais das traballadoras e traballadores destes centros (chámanse agora Galiña Azul). A nivel pedagóxico desapareceu a figura da coordinadora pedagóxica. Das 17 Galescolas que estaban proxectadas, cinco foron adxudicadas a unha empresa española e outra a unha empresa do Opus Dei. Por outra parte, a CIG denunciaba a supresión de 49 postos de traballo en escolas infantís.

En xuño de 2012 a Xunta de Feijóo retiraba a subvención de 500.000 euros que tiña Preescolar na Casa. Despois de 30 anos, o PP acababa cun proxecto que é unha referencia en Europa e que atendía a 4.000 familias; 32 docentes sumaranse ás listas do paro.

Para reducir o número de profesoras e profesores e aforrar cartos, no curso 2012-2013 haberá 113 unidades que agruparán nunha mesma aula até 20 alumnos de entre 6 e 12 anos, incumprindo o acordo que Xesús Vázquez firmou cos sindicatos en 2009. Na provincia de Ourense, por exemplo, desaparecerán 67 aulas de 60 centros, suprimíndose as prazas de 83 profesores funcionarios e 20 interinos. O conselleiro de Educación defendía estas medidas porque “é unha normativa de antes de que eu nacera”. Xesús Vázquez dicía que isto non son recortes, senón “reasignación de recursos”.

Feijóo apoia tamén unha política de separación por sexo nas aulas a pesar de que o artigo 84.3 da Lei Orgánica de Educación (LOE) recolle como criterios para a admisión do alumnado en centros públicos e privados concertados: “En ningún caso haberá discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social”.

Unha Orde do goberno bipartito (PSOE-BNG) retiraba as subvencións aos colexios concertados que separaban por sexo nas aulas. O goberno de Feijóo anulaba dita Orde e renovaba os concertos cos cinco centros educativos de Galiza que segregaban nas aulas a homes e mulleres e que reciben anualmente tres millóns de euros, a pesar de haber unha sentenza do Tribunal Supremo que en agosto de 2012 daba a razón á Junta de Andalucía, que retirou as subvencións a este tipo de centros. O conselleiro Jesús Vázquez xustificaba esta actuación ilegal do PP porque “creo na liberdade de elección por parte das familias”.

A Xunta de Feijóo castigou especialmente todo o relacionado coa promoción do galego, pasando esta partida de 17,5 millóns de euros en 2010 a 10 millóns en 2012. As axudas para o fomento do galego da consellería de Educación reducíronse de 800.000 a 250.000 euros. Máis de 5.000 profesoras e profesores declaráronse en rebeldía contra o chamado “decreto de plurilingüismo”, que reducía as materias impartidas en galego ao 33%, o mesmo que para español ou inglés.

As medidas de Feijóo contra o galego provocaron unha importante mobilización cívica. É difícil atopar un rexeitamento tan masivo como o conseguido ante a iniciativa da enquisa da consellería de Educación para coñecer a opinión dos pais e nais sobre o uso do galego nos centros de ensino. Crítica unánime de todos os sindicatos, da Federación da Nais e Pais de Centros Públicos, do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, do Instituto da Lingua Galega, da Coordinadora Galega de Equipos e Normalización e Dinamización Lingüística de toda Galicia, dos directores de centros de ensino, da Mesa pola Normalización Lingüística, da Real Academia Galega. Os Departamentos de Filoloxía das tres universidades galegas criticaban duramente ao goberno de Feijoo: “O primeiro da historia da democracia que lexisla en contra da lingua do país e que goberna e actúa segundo intereses alleos a Galicia”.