Boas novas para o nacionalismo

Debo dicir que tiña un gran interese polo documento final da Conferencia Nacional da UPG, realizada hai uns días, xa que as súas decisións teñen moita importancia, tanto no BNG como nas organizacións de base do nacionalismo galego. Xa na Asemblea de Amio, mantivo unha postura claramente autocrítica da etapa anterior.

Debo dicir que tiña un gran interese polo documento final da Conferencia Nacional da UPG, realizada hai uns días, xa que as súas decisións teñen moita importancia, tanto no BNG como nas organizacións de base do nacionalismo galego. Xa na Asemblea de Amio, mantivo unha postura claramente autocrítica da etapa anterior. E xunto co Movemento Galego ao Socialismo, e unha enorme parte dos afiliados da fronte non agrupados en ningunha das correntes internas, fixeron virar a organización cara unha estratexia de maior coherencia cos postulados fundacionais da fronte e máis acaídos para esta nova etapa, mesmo dende un punto de vista electoral.

Coido que nesta conferencia a UPG avanzou moito na rectificación e nunha análise axeitada da conxuntura. E acordou medidas que colocan o partido en mellores condicións para, no futuro, poder pasar á ofensiva, consolidando a súa base e gañando novos sectores sociais. Porén, para alén dos efectos positivos que poda ter sobre o partido, o máis importante é que permite adaptar a estratexia, métodos de traballo, e perfil dos cadros dirixentes á nova etapa política que se está abrindo. Son pasos a dar que non estarán exentos de contradicións e debates no interno, mais o transcendental é que son necesarios para gañar a complicidade das clases populares e, moi especialmente, da clase traballadora galega. Neste sentido coido que era acertada a postura do militante deste partido e alcalde de Pontevedra, Miguel F. Lores, cando trataba este tema nunha entrevista en El País hai uns meses.

"Coido que nesta conferencia a UPG avanzou moito na rectificación e nunha análise axeitada da conxuntura".

En relación ao documento, destacaría positivamente que se valore como “definitivamente esgotada a vía do cadro xurídico autonómico para alargarmos progresivamente o autogoberno”. Coido que é unha reflexión acertada despois da sentencia do Constitucional sobre a reforma do Estatuto de Cataluña, e a constante recentralización de competencias ou a súa absorción por Bruxelas. Tamén é correcto que se dea prioridade a “clarificar na base social a unidade indisolúbel entre nacionalismo galego e contido popular das súas reivindicacións”, ou sexa, que a contradición nacional e de clase son interdependentes e deben ser parte do traballo institucional, sindical e calquera outro ámbito. Define como un obxectivo a unidade do nacionalismo, mais sen esquecer que no contexto actual “haberá que comezar por crearmos dinámicas políticas que favorezan este proceso, sen precipitacións e sen perdermos a perspectiva de que a mellor expresión da unidade na pluralidade continua sendo o BNG” e máis adiante reafirma “o BNG debe manter relacións cordiais con todos os grupos nacionalistas, incentivando o achegamento”. Engadindo, coido que axeitadamente, que isto será posíbel “se o BNG se revitaliza, se afortala como referente social e se perfecciona como organización plural”.

"A contradición nacional e de clase son interdependentes e deben ser parte do traballo institucional, sindical e calquera outro ámbito".

Outro dos aspectos de interese é o referente á soberanía nacional. Neste apartado a UPG afirma “a iniciativa polo dereito de Galiza a decidir debe contar co máximo apoio social e político e, nesa medida, debe ser abordado desde a perceptiva de propiciar espazos de traballo unitario de todas as forzas sociais, económicas, culturais, políticas, etc”. É dicir, ser radicais na praxe, porque hai que selos cando se propón a liberación, mais excluíndo calquera sectarismo que impida afortalar a defensa das clases populares e o país. Dáselle pulo no documento ao debate político cotiá sobre “as razóns polas que Galiza precisa a soberanía, que contribúa decisivamente para o crecemento da consciencia nacional e posibilite a acumulación de forzas necesarias para camiñarmos para o obxectivo final da soberanía e da independencia nacional, para podermos construír na Galiza unha sociedade realmente xusta, democrática e igualitaria”. Fica abondo claro que a República Galega que se propón e as clases populares forman parte indisolúbel do proxecto estratéxico, así como as cuestións de xénero, ecolóxicas, etc.

"Acumulación de forzas necesarias para camiñarmos para o obxectivo final da soberanía e da independencia nacional"


A continuación, a maior parte do documento céntrase nas medidas organizativas e nos métodos de traballo a tomar para rectificar e mellorar a tarefa militante. Afírmase “os tempos que corren nada teñen que ver co pasado, mesmo recente, e esixen mudarmos con urxencia de maneira de actuar, tanto nas institucións como no traballo social (...) Hai que recuperar o principio de que o traballo institucional non é un fin en si mesmo, senón que debe ter o valor de caixa de resonancia dos conflitos que existen na sociedade (...) sen desprezar as posibilidades que ofrece de transmitir a rebeldía e combatividade do nacionalismo (...) cómpre que os representantes institucionais teñan presenza e participación nos conflitos sociais”. Para non me alongar moito, por último quero salientar que se fai especial mención a que “Cómpre pór en primeiro plano a necesidade de combate ideolóxico e cultural na sociedade coa debida intelixencia”. Entendo que isto é fundamental, especialmente nun país colonizado como Galiza, xa que existen todo tipo de resortes construídos durante séculos para alienar a poboación do seu entorno, da súa identidade. Ademais, non se pode ignorar, que é tan negativo que o traballo político remate en se dotar dunha teoría moi elaborada, como pensar que da práctica, sen análise e conclusións, xorde espontaneamente nos sectores sociais abranguidos a comprensión das contradicións de clase e nacional, así como a estratexia para as superar. A praxe é a unión de práctica e teoría política.

No documento non se abranguen todos aqueles temas que cómpre tratar dun xeito máis migalleiro, supoño que debido a ser unha conferencia feita co gallo dos acontecementos dos últimos meses e da vindeira asemblea do BNG. En todo caso entendo que se deben dar máis pasos no relativo ao euro e á Unión Europea, e favorecer que a representación na dirección da fronte de activistas de todos os eidos, dada a sobre-representación actual do institucional. Debater e divulgar que tipo de socialismo e democracia queremos. Asemade, cómpre definir mellor cales son as clases dominantes e que papel teñen na UE, as súas contradicións e evolución en futuros escenarios. Tamén sería bo que o textos fosen máis explícitos na cuestión colonial, a loita de clases e no suxeito principal da liberación nacional e social: a clase traballadora. Evidentemente, aliada con autónomos, pequenos empresarios, e grupos sociais como os pensionistas e estudantes. Non abonda con falar sempre de clases populares, se queremos xerar ideas claras, compre poñerlles nome de cando en vez.

"Sería bo que o textos fosen máis explícitos na cuestión colonial, a loita de clases e no suxeito principal da liberación nacional e social: a clase traballadora".


Despois de tantas malas noticias durante os últimos anos, este é un dos poucos momentos de ledicia, que alentan á loita pola liberación nacional e social. Sei que levar a cabo as tarefas que se desprenden do documento leva o seu tempo, que hai que vencer inercias interiores e chegar a sectores moi amplos, o que esixe un gran esforzo extra cando non se conta, como o sistema, con medios de comunicación de masas. A andaina de rectificación emprendida en Amio consolídase con esta conferencia da maior forza que integra o BNG. Unha boa nova para os afiliados e e achegados á UPG e outras correntes que comparten internamente este camiño no fundamental, como o MGS. E tamén para aqueles que só militamos na fronte, e para moitos nacionalistas que simpatizan co BNG ou sinxelamente comparten a estratexia para esta etapa.

http://manuelmera.blogaliza.org/