Bruxelas ten un problema: chámase democracia

  As políticas anti-populares e a democracia son material e metafisicamente incompatíbeis. Se teimas en practicar políticas contra os pobos, estes, máis cedo que tarde, findan por se revoltaren. O sedicente resgate a Chipre non é o resgate ao pobo chipriota: éo aos bancos que residen na Illa, boa parte deles estranxeiros, boa parte deles tinglados para lavaren diñeiro negro procedente das mafias.

 

As políticas anti-populares e a democracia son material e metafisicamente incompatíbeis. Se teimas en practicar políticas contra os pobos, estes, máis cedo que tarde, findan por se revoltaren. O sedicente resgate a Chipre non é o resgate ao pobo chipriota: éo aos bancos que residen na Illa, boa parte deles estranxeiros, boa parte deles tinglados para lavaren diñeiro negro procedente das mafias. Chipre é un paraíso fiscal consentido por Bruxelas. A Comisión europea -ese apéndice de Berlín- decreta o resgate porque unha das regras básicas do capitalismo é que chega un momento en que hai que pagar as débedas. E a burbulla estorou. E os prestamistas alemás -e franceses- queren cobrar. E a fatura ponse na mesa dos de sempre, da xente do común, dos de abaixo.

O corralito chipriota non é unha innovación en Europa. Galiza vive o seu particular corralito, o das preferentes. Arredor de 100.000 familias atinxidas. Un botín de perto de 900 millóns de euros. E aquí a quita coa que se ameaza ascende nin máis nin menos que ao 40 por cento. 4 de cada 10 euros, roubados.

En Chipre o Parlamento acaba de votar en contra do resgate. Nen sequer os deputados do partido gobernamental votaron a prol. Aínda hai dignidade, a de non suicidarse. A democracia é un estorvo para a burocracia de Bruxelas. Os mainstream media tampouco ven a democracia con bons ollos. Levan varios días a nos bombardear con noticias de que os mercados -anxeliños!- andan inquietos coas noticias vindas de Chipre e de que a prima de risco non fai máis que se axigantar. E que dicermos das empresas do IBEX 35! As súas accións baixan sempre que un pobo amaga con se defender, da mesma maneira que soben cando se incrementan as cifras de desemprego.

O corralito chipriota non é unha innovación en Europa. Galiza vive o seu particular corralito, o das preferentes

A democracia e esta forma concreta de construción europea lévanse a matar. Xa non Chipre. Lembremos o voto contrario de irlandeses, holandeses, franceses, en distintos referendos. Bruxelas ten un problema. Chámase democracia. Chámase Parlamentos.

E os pobos teñen un problema. Chámase Bruxelas. Chámase neoliberalismo. Chámase Unión Europea.