Cataluña, a festa continúa.

O grande pracer das mañás destes días é abrir os xornais españois, ou mesmo os da Galiza que intentan selo e non chegan a arremedo gótico, e tomar o café con coidado de que a risa non faga que che caia enriba do papel. Tres días despois das eleccións, aínda hai medios que piden a dimisión de Artur Mas porque perdeu máis de 90.

O grande pracer das mañás destes días é abrir os xornais españois, ou mesmo os da Galiza que intentan selo e non chegan a arremedo gótico, e tomar o café con coidado de que a risa non faga que che caia enriba do papel. Tres días despois das eleccións, aínda hai medios que piden a dimisión de Artur Mas porque perdeu máis de 90.000 votos mentres seguen bebemorando con espumoso non catalán, obviamente, que Feijoo perdese máis de 128.000 sufraxios. A diferenza entre quedar con doce escanos menos ou con tres máis, respectivamente, cómpre buscala na fórmula D’Hont e nas diferenzas demográficas entre cadanseu electorado (e, polo tanto, no número de deputados de cada un dos parlamentos, 75 no galego e 135 no catalán).

O Parlamento de Cataluña é complexo porque xorde dunha sociedade moi complexa. Non ten só dous partidos, un bo e outro malo, como lle gustaría a moita xente, senón un abano de sete formacións que conforman un retrato político da cidadanía catalá. Polo tanto, é difícil dicir que este gañou ou que estoutro perdeu. É máis axeitado, quizais, mirar cales tiveron máis ou menos votos e cales gañaron ou perderon representación. Ora ben, non é xusto que os que gostan de dividir sempre en dúas metades digan que perdeu o bando soberanista fronte ao unionista, porque non é así.

Se contamos ICV dentro dos soberanistas (porque está a favor de convocar un referendo aínda que non sexa un partido independentista) e o PSC dentro dos unionistas (malia ter unha proposta federal), o bloque formado polos partidarios do dereito a decidir conseguiu 84 escanos no Parlamento fronte aos 48 dos que apostan por seguir dentro do Estado español. Mais podemos matizar: se lle restamos os 13 deputados de ICV ao bloque soberanista, os partidos estritamente independentistas quedan con 71 escanos —tres máis da maioría absoluta— e, se lles quitamos os 28 do PSC aos unionistas —porque non mantén a mesma postura cós claramente españolistas, PP e Ciutadans—, quedarán só 28 partidarios de que nada cambie. Polo tanto, 71 independentistas, 28 unionistas e 33 que están nunha posición intermedia.

Ademais de todo isto, a participación foi de case un setenta por cento, a máis alta da historia das eleccións autonómicas en Cataluña. O unionismo ou o españolismo —concentrado maiormente na periferia de Barcelona, na de Tarragona e no Val d'Aran— mobilizouse para parar o independentismo e aínda así viu como os partidarios da secesión acadaban 800.000 votos máis cós que queren seguir, dun xeito ou outro, dentro do Estado español. Se nun referendo o que importa é o número de votos afirmativos, pensemos xa no resultado que podería haber. O mapa municipal tamén é moi claro: houbo 42 concellos onde gañou o unionismo —destes, 32 co PSC como primeira forza— e 905 onde o fixo o independentismo, entre eles a capital.

Así as cousas, non se entende demasiado a interpretación da prensa cavernícola, que non ten dúbida ningunha do triunfo do unionismo sobre o virus separatista, que tantos estragos causa na poboación e que, tal como nos din, apareceu de súpeto como reacción á crise económica. Do mesmo xeito, tampouco se comprende como poden cualificar de “independentistas sobrevidos” a Convergència i Unió pero contan os seus votos desde 1980 para demostraren a grandísima perda de apoio que sufriu o soberanismo. Ou é un movemento recente ou non o é, aínda que tampouco ten tres mil anos como ten a nación Española segundo aquela presidenta sobrevida paleontóloga.

Certo é, iso si, que non é un invento de CiU malia a súa conversión, un dos motivos que fixo que Esquerra Republicana —fundada hai oitenta e un anos— recollese boa parte do pulo soberanista, xuntamente coa Candidatura d’Unitat Popular, que entrou por primeira vez no Parlamento con tres representantes. Ademais, moitas persoas quixeron castigar o partido que levou a cabo desde o goberno da Generalitat uns durísimos recortes económicos coa conivencia do PP. Haberá que ver como farán a partir de agora para gobernar, se en minoría, cunha coalición estable ou con acordos puntuais co resto dos grupos. O que parece seguro é que a maioría soberanista vai impulsar o referendo de autodeterminación na vindeira lexislatura. A viaxe vai ser movidiña, máis vale que vaiamos abrochando o cinto e que poñan os escanos co respaldo vertical.