Catalunya, argumentos sobre a independencia para indecisos

  Como xa dixera nun anterior artigo de meu, a sociedade civil catalá está a traballar activamente tanto no discurso configurativo como no propio  proceso preconstintuínte do  seu estado.  Velaí que vén de presentarse o web ElClauer.cat , un argumentario exhaustivo sobre a independencia de Catalunya, co apoio de catorce entidades catalás de referencia.

 

Como xa dixera nun anterior artigo de meu, a sociedade civil catalá está a traballar activamente tanto no discurso configurativo como no propio  proceso preconstintuínte do  seu estado.  Velaí que vén de presentarse o web ElClauer.cat , un argumentario exhaustivo sobre a independencia de Catalunya, co apoio de catorce entidades catalás de referencia.

Os  indecisos poderán achar neste  ElClauer.cat  argumentos sobre a conveniencia da independencia de Catalunya. Unha páxina web, en catalán, español e inglés, coas respostas ás preguntas máis repetidas sobre o proceso de construción do estado propio. As  preguntas agrúpanse en ámbitos diversos: as institucións de goberno, a presenza do estado catalán no mundo, os dereitos e a cidadanía, os cartos públicos, as  empresas, o estado do benestar, a lingua e cultura, o ensino e as universidades, as infraestruturas, a inmigración, as relacións con  España e os  deportes.  Velaí algunhas das devanditas cuestións que se formulan e responden:

a) Que instrumentos de estado básicos precisa unha Catalunya independente ? 
b) Unha Catalunya independente formará parte da Unión Europea? c) Os títulos universitarios terán validez ? 
d) Catalunya poderá competir nos Xogos Olímpicos ?
e) A independencia implicará a fin da espoliación fiscal por parte do estado español ? 
f) O estado catalán poderá asumir o pagamento de pensións e de prestacións de desocupación? 
g) O castelán será cooficial nas institucións dunha Catalunya independente? 
h) Que pasará cos nosos depósitos bancarios e as hipotecas cando naza o estado catalán ? 
I) Poderase ter dobre nacionalidade cando Catalunya sexa un estado independente?

As respostas a estas preguntas pretenden amosar un escenario de completa normalidade para unha Catalunya estado, funcionando tamén como resposta  diante dos que están a sacar o espantallo da independencia como o lugar onde se vai afundir este país. Sen dúbida, as respostas e argumentos que se fornecen dende ElClauer.cat ás  preguntas mencionadas  non fan máis que afastar aos agoireiros dos males da liberdade para este país, e amosan a plena viabilidade, non sen dificultades, dunha Catalunya estado propio. Os argumentos non veñen máis que a confirmar o que xa sabiamos, que a medio-longo prazo a Catalunya constituída en estado independente sería un país de maior prosperidade e proxección futuras do que será se perpetúa  o seu  vencello con España.  Xa que logo, o camiño debe estar ben claro.