Corrupción e crise do Estado

Malia que os apuntamentos contábeis de Bárcenas, por si propios, non teñan unha trascendencia xurídico-penal decisiva, constitúen a revelación decisiva para a definitiva ruptura da meirande parte da cidadanía co Goberno do Estado.

Malia que os apuntamentos contábeis de Bárcenas, por si propios, non teñan unha trascendencia xurídico-penal decisiva, constitúen a revelación decisiva para a definitiva ruptura da meirande parte da cidadanía co Goberno do Estado. Porque esta revelación engádese á fundada sospeita de que grande parte dos 20 M€ branqueados por conta de Bárcenas tiveran a súa orixe no financiamento ilegal do primeiro partido da España. E porque mesmo a amnistía fiscal, que antes podía ser só unha medida inxusta e, ao tempo, pouco eficaz, fica arestora baixo sospeita de si se decidiu para que o PP resolvese éste seu problema.

Ogallá me trabuque, pero alén dalgúns desmentidos ou matizacións, sospeito que o substancial do relato non vai mudar. O que quere dicir que o Goberno do Estado vai perder a meirande parte da lexitimidade de exercicio que adquiriu na orixe, por mór da súa maioría do 2011. E non é só que o Presidente do PP e do Goberno do Estado entre de cheo neste manto de deslexitimación. O peor é que o seu propio Partido non poderá sair del sen un proceso de refundación indubidábelmente convulso. Proceso que tamén habería enfrontar o PSOE por partillar, non evidentemente a estrutura financeira de Bárcenas, mais si as tácticas de colonización e ocupación bipartidista das Institucións e de afastamento das súas burocracias a respecto da cidadanía.

"O Goberno do Estado vai perder a meirande parte da lexitimidade de exercicio que adquiriu na orixe, por mór da súa maioría do 2011".

Na historia moderna de Italia sempre houbo un vello Presidente da República, sen poder efectivo, mais investido de toda a “auctoritas” que lle permitía exercer a súa función moderadora, mesmo cando o principal partido, a Democracia Cristiá, esfarelouse por mór da corrupción. Mais o noso Xefe de Estado tampouco está lexitimado socialmente para mediar e integrar. Sumémoslle esta Grande Depresión e as tensións territoriais xurdidas do proceso recentralizador que ven de Madrid e temos unha crise de Estado ás portas.Mesmo para pasado mañá.

"O noso Xefe de Estado tampouco está lexitimado socialmente para mediar e integrar"

Seica non fique outra ca a demisión de Rajoy e a convocatoria de eleccións. Mais, nesa hipótese, semella que as vindeiras Cortes serían máis constituíntes ca ordinarias.