Corrupción e saída política

O clima político comeza a ser irrespirábel baixo a actual enchenta de casos de corrupción. 

 

O clima político comeza a ser irrespirábel baixo a actual enchenta de casos de corrupción. Na realidade, a corrupción é sistémica, estrutural, e maniféstase agora con máis crueza porque estamos ante o final dun réxime político, o de 1978, e certas blindaxes -por exemplo, a que mantivo intocada a Coroa durante décadas- saltaron polo ar. A tolerancia social perante as prácticas corruptas -que basicamente consisten no saqueo do público por parte de elites económicas e políticas- é hoxe felizmente cero porque a crise fai que todas as alarmas se acendan e as cidadás e os cidadáns son cada día máis exixentes perante as institucións públicas.

A situación é gravísima e non se arranxa cun pacto bipartidista pola rexeneración. Non poden rexenerar nada os que son principais responsábeis da podremia

Mais a corrupción non é abstracta, nin un fenómeno universal. Pódese obxectivar. E ten protagonistas. Por exemplo, na Galiza. A corrupción aquí apunta directamente o partido que ocupa o poder de maneira absoluta: o Partido Popular. E salpica xa o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.

Esta cuarta feira a versión dixital de Sermos Galiza publicou unha fotografía do presidente do goberno galego que o vincula Feijóo cunha persoa investigada pola policía na chamada Operación Zeta. É a segunda fotografía da lexislatura. A primeira está gravada a lume na memoria das galegas e dos galegos: a imaxe de Feijóo nun iate cun narcotraficante. Chove sobre mollado. Feijóo nunca explicou de forma satisfactoria a súa amizade con Marcial Dorado. Esta cuarta feira, interpelado por Jorquera no Parlamento galego, non é que non explicase a súa relación con Pachi Lucas, o Conseguidor da Operación Zeta, é que directamente eludiu referirse en todo momento a ela.

Cinismo sen límite

É dun cinismo sen límite que un dirixente político que se resiste a ser fiscalizado politicamente polo Parlamento se queira agora arrogar o papel de rexenerador da vida política galega. Feijóo ten que dar explicacións. E ten que as dar xa. E teñen que ser convincentes. Do contrario, a súa única saída digna sería a da dimisión.

A situación é gravísima e non se arranxa cun pacto bipartidista pola rexeneración. Non poden rexenerar nada os que son principais responsábeis da podremia. A saída a esta situación ten que ser forzosamente política: se os responsábeis políticos non asumen as súas responsabilidades, a sociedade debe axustar contas con eles cando chegue o momento de abrir os colexios electorais.