De dereitos

Un dos obxectivos que desde ESCULCA, Observatorio para a Defensa dos dereitos e liberdades, temos é o de acadar a plena emancipación de toda tutela relixiosa e a consecución de sociedades autónomas e independentes de calquera credo.

Un dos obxectivos que desde ESCULCA, Observatorio para a Defensa dos dereitos e liberdades, temos é o de acadar a plena emancipación de toda tutela relixiosa e a consecución de sociedades autónomas e independentes de calquera credo. O motivo deste interese noso non é outro que considerar que a laicicidade establece as condicións xurídicas, políticas e sociais idóneas para o pleno desenvolvemento da liberdade de conciencia base dos dereitos humanos, máis atendendo sempre a non sacralización dos principios de laicicidade que virían suplir aos cultos relixiosos anteriores.


Xa en 2008, a por entón vicepresidenta do goberno de España Fernández de la Vega, expuña a vontade do goberno cara a un avance na laicicidade do Estado. E non é que chovera moito desde entón, máis o que está a  acontecer cinco anos despois é meridianamente o contrario.

Na actualidade hai unha invasión de representantes relixiosos, enténdase da maioritaria, en institucións do estado, un dos exemplos máis destacábeis é que a Conferencia Episcopal foi un dos interlocutores do goberno de España á hora de elaborar o Anteproxecto da nova Lei de Educación, a famosa LOMCE, esquecéndolles a ambos que o poder non vén de deus, que reside no pobo e que o executivo goberna lexitimado pola vontade popular e que as leis, tamén esta, fanse respondendo ao mandado recibido da cidadanía, este Anteproxecto modifica os seguintes artigos o 23, 24, 25 e 26 nos que se estabelece a obrigatoriedade dos centros educativos de ofertaren a cadeira de Relixión como cadeira troncal e a posibilidade dos pais de faceren elección entre esta ou a de Valores Culturais e Sociais en Primaria ou Valores Éticos no Primeiro Ciclo de Secundaria, a partir de cuarto curso de ESO as dúas opcións, Relixión e Valores Éticos, inclúense dentro do bloco de materias específicas e no BAC aparece como optativa.

"Na actualidade hai unha invasión de representantes relixiosos, enténdase da maioritaria, en institucións do estado"

Ignorando así a numerosa xurisprudencia emanada do Tribunal Supremo que expón que o exercicio dun dereito fundamental en ningún caso pode implicar algún tipo de obriga para terceiros, neste caso cursar cadeiras como Valores Sociais e Culturais ou Valores Éticos, e desde o outro punto de vista, os alumnos que escollan Relixión se verían privados de aprenderen esoutras, mais xa estamos a ver que nestes tempos novos non é necesario derrocar democracias para eliminarmos dereitos.

Está claro que non existe, sen dúbida, unha soa visión do mundo. E un verdadeiro Estado laico debe respectar todas as relixións e garantir o dereito a manifestar as súas ideas particulares. Sen embargo esta manifestación de ideas e dogmas de fe debe facerse nos recintos que para iso teñen, e non pretender utilizar as escolas para influír e/ou dogmatizar na infancia e xuventude. Por isto é fundamental que exista unha defensa do carácter laico da educación pública: a relixión debe ficar fóra do ámbito escolar, pertencendo ao ámbito privado; e é na familia ou en locais relixiosos onde debe transmitirse, non en centros educativos sostidos con fondos públicos en que se quere facer unha pseudo-catequese disfrazada de cadeira. Non podemos aceptar o adoutrinamento das nenas e nenos e que estes saian da aula cunha etiqueta de católico, musulmán ou ateo: un destes exemplos é como a nosa filla vai cun compañeiro á biblioteca cando ao grupo lle toca relixión, algo que obriga a que os pais deban explicar ese tipo de segregación dos seus compañeiros a nenos e nenas de catro anos de idade.

Se convertemos os dogmas en crenzas particulares dos cidadáns, estes e estas perden a súa obrigatoriedade xeral e a cambio adquiren as garantías protectoras que as leis lle ofrecen; así pois, todo o que non é dogma pode converterse en discutíbel e revocábel para ser aceptado de forma pactada e voluntaria.

Outro tipo de intromisión das esferas relixiosas no ámbito estrictamente institucional  son as visitas papais, que seica agora comezarán tendo en conta o perfil do novo Papa, populista e “próximo” e que será, de seguro, unha das súas prioridades, sen dúbida, para se achegar fisicamente aos fieis. Ate aquí ben, a liberdade de circulación é un dereito e como tal debe ser protexido mais neste caso ao ser o representante dos católicos un Xefe de Estado, o groso dos gastos das visitas corren a cargo do país receptor. Claro está que non é o mesmo que se chegase o presidente de Honduras ou o da República Francesa, pois esas visitas xeran riqueza e intercambios varios para ambos países, e non é este o caso da visita dun Xefe do Estado cuxa misión se basea no aleccionamento moral e no adoutrinamento, o que quer dicir que se gastan cartos públicos para cubrir as necesidades espirituais duns poucos (e digo duns poucos porque se ben hai no Estado Español unha maioría de católicos, hai unha minoría de practicantes e o resto, de seguro, preferirían usar eses cartos doutro xeito; xa non digamos dos ateos, agnósticos ou os que profesan outras relixións).

"A derradeira visita do representante católico a Compostela, neste caso Bieito XVI, custou aos galegos sobre tres millóns de euros por apenas oito horas de estancia"

Os custos destas visitas son sempre enormes: a visita papal a Madrid en agosto de 2011 implicou preto de cincuenta millóns de euros financiados con cartos públicos, e o argumento da financiación privada tamén é fallido, pois os cartos que calquera empresa patrocinadora pode  invester, ten como consecuencia a perda de cartos públicos, entre o 45% e o 90% do total, pois van contar con beneficios fiscais ao ser considerado polo goberno un “acontecemento de especial interese público”. Así, a derradeira visita do representante católico a Compostela, neste caso Bieito XVI, custou aos galegos sobre tres millóns de euros por apenas oito horas de estancia (por certo, non tivo o interese agardado, sendo aquel sábado un día con pouca afluencia; tanto é así que suscitou queixas do sector hostaleiro, que non conseguiu recuperar o investimento realizado en persoal adicional e materias primas), aínda que hoxe non saibamos exactamente o verdadeiro orzamento desglosado. Do mesmo xeito tamén atopamos casos como o da visita papal a València, onde o dato dos once millóns que gastou o Canal 9 só saíu á luz tras requerimento xudicial por mor do caso Gürtel. Non é raro que xa se escoiten voces a respecto dunha nova visita papal a Compostela, seica co gallo do 800º aniversario de cando outro Francisco, o de Asís, disque veu en peregrinación ver o apóstolo e, de paso, animar a fundación dun cenobio franciscán na cidade en que naceu Rosalía.

Os Papas van e veñen, marchan e volverán, mais farano mentres o actual goberno da Xunta reduce os beneficiarios dos comedores escolares, probabelmente rapaces e raparigas que acabarán por encher as procesións de Semana Santa que hai ben pouco inundaron a nosa xeografía nacional. Por certo, cónstalle a alguén (eu non son consumidora deste tipo de eventos culturais) como foi a presenza e a actuación das forzas e corpos de seguridade do Estado nestas manifestacións? Porque das dos actos que anualmente se celebran o 25X si sabemos …