Decálogo do pesimismo celeste

“Tede moito coidado, a ver se ides afogar”, así de directa entraba a miña avoa a escena cada vez que os meus curmáns e mais eu nos dispoñiamos a ir á praia. Aínda non sairamos pola porta pero ela non podía evitalo. Tamén está a versión de “vas caer” antes de ter sequera a posibilidade de caer, ou a de “coidado que ides sacar un ollo” antes mesmo de comezar a xogar. Estes poderiamos dicir que son exemplo do pesimismo innato, do que se leva traballando toda unha vida, que é noso, que nos pertence e que non vai cambiar por moi ben que nos vaian as cousas.

Por outra banda está o pesimista interesado, que é máis ben o pesimismo 'petardo', o que ten que saír a escena para deixar claro que el xa avisou do que ía pasar, o que colle o camiño fácil e sinxelo. A súa especialidade é facer un 'poncio pilato', é dicir, un “eu lavo as máns a ver se despois vai ser peor”.

No Celta sempre fomos máis do primeiro tipo, do pesimista innato, do que non o pode evitar porque está no seu ADN. Calquera que leve moitos anos indo a Balaídos ben sabe del, sempre aí, machacón, berrando contra todo o mundo. Que o árbitro pita penalti a favor, “vas fallar”; que o equipo ascende a primeira división, “vas baixar”; que o Celta chega a unha final de copa, “vas perder”. Eso si, cando hai alegrías el segue a súa vida sen exaltación e con mesura. Tamén temos ao pesimista interesado que sae de debaixo das pedras cando a cousa comeza a pintar mal, mal. Que o Celta, poñamos, perde 0-1 en Mallorca nos últimos segundos do desconto dun partido aciago, “hasta aquí chegamos, vémonos en segunda”, que ao Celta lle quedan sete partidos por diante e 21 puntos en xogo, “animar? Total, xa estamos en segunda”. Que o Celta se salva e quedamos en primeira, “somos os mellores, eu xa sabía que nos iamos salvar”. A diferenza dos anteriores, este pesimista é o primeiro en celebralo desmesuradamente e deixando ben claro que el xa o sabía todo, antes.

Despois, estamos os da fe, os rara avis (pero que cada vez somos máis), os que non nos baixamos tan facilmente do carro. Os machacóns versión “si se pode”. Os que nos aferramos á vida. Os que berraremos até o derradeiro folgo. Os que, my friends, eleximos sempre o modelo Monty Python. http://www.youtube.com/watch?v=HFSAffL-nHU