Defendamos a biblioteca pública de Monte Alto

Como un baluarte, no medio e medio da Rúa da Torre, érguese esta biblioteca, que fai tamén de local da A VV de Atochas-Monte Alto. Un local veciñal e unha biblioteca que sintetizan os desexos e a vontade colectiva dun barrio, os soños de moitas xeracións que fixeron dese recuncho un cálido lugar de encontro e reunión, un lugar onde prestar e recibir axuda.

Como un baluarte, no medio e medio da Rúa da Torre, érguese esta biblioteca, que fai tamén de local da A VV de Atochas-Monte Alto. Un local veciñal e unha biblioteca que sintetizan os desexos e a vontade colectiva dun barrio, os soños de moitas xeracións que fixeron dese recuncho un cálido lugar de encontro e reunión, un lugar onde prestar e recibir axuda.

Véñenme á cabeza nestas horas moitas loitas sociais da época na que formei parte da xunta directiva veciñal. Loitas nacidas e fraguadas nesa Biblioteca que os fríos xestores do noso Concello queren pechar agora. Loitas contra os abusos das compañías de telefonía móbil que instalaban antenas ilegalmente pola Vereda do Polvorín, loitas contra o mobbing inmobiliario que recaía, as máis das veces, nos nosos maiores, loitas pola desfeita urbanística que asolou, sen conseguir borrar o seu adn obreiro e popular, o noso barrio... Mais tamén me veñen á cabeza as festas do barrio, organizadas cada mes de setembro pola Asociación de Veciños/as xunto con outros colectivos sociais, xuvenís, de comerciantes, de hosteleiros e hosteleiras. Festas autoxestionadas e organizadas por xente de todas as idades, pensamentos e procedencias.

Por todo isto Monte Alto é un barrio alegre e combativo. Seguramente tamén por isto é polo que queren pechar a súa biblioteca. Porque como sabía o vello Nión, como sabe a súa dona Esperanza, ou como sabe Rosa do quiosco, sempre tan disposta a axudar, a biblioteca que queren pechar é máis que unha biblioteca, é un fogar, un lugar onde as veciñas e veciños se poden xuntar non só para ler ou tomar prestado un libro, senón tamén para conectarse á internet, para pedir consello ante as abusivas tarifas eléctricas ou de calquera outro servizo esencial, para solicitar asistencia legal gratuíta e consultar cunha avogada, para interpoñer solicitudes ante o Concello, para organizar charlas e conta contos para os máis cativos, un lugar, en definitiva, para convivir, para facer veciñanza, para socializarse.


Cómo explicar que o Goberno Municipal subvencione outra Asociación Veciñal en Monte Alto cando xa existe unha?


Por isto, o argumento repetido estes días desde o Concello de que a razón do peche é non duplicar servizos, ao existir outra Biblioteca a poucos metros, cae polo seu propio peso, xa que, como eles mesmos saberían se se preocupasen de coñecer a realidade que xestionan, o servizo que presta a Biblioteca da Asociación Veciñal é moito máis que o dun espazo de oferta de lectura. Ou se cadra o saben, e por iso a pechan.

E se de non duplicar gastos e servizos se trata, cómo explicar que o Goberno Municipal subvencione outra Asociación Veciñal en Monte Alto cando xa existe unha? Terá algo que ver a afiliación dos seus é das súas integrantes? Cómo explicar tamén que quén di promover o emprego na nosa cidade condene ao desemprego á persoa que atendía a biblioteca e axudaba a toda aquela persoa que entrara pola porta?

Por todo o isto, é de xustiza defender que a Biblioteca Pública da A VV de Monte Alto non se peche. Por iso eu tamén, que considero esa Biblioteca parte da miña vida, acudirei hoxe á Asemblea que se celebrará no barrio. Porque ese fogar de libros, soños e persoas merece seguir aberta mil primaveras máis.

 David Pena Díaz. Ex Presidente da A VV de Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules