Demografía e soberanía

A desfeita demográfica na Galiza estase a tratar por enésima vez no Parlamento Galego. Como se non se soubesen as razóns: precariedade laboral, baixos salarios, desemprego, emigración e falta de servizos e subsidios á natalidade. Quen vai ter fillos e fillas nestas condicións? Só aqueles/as con altas rendas e bos salarios, ou os moi atrevidos/as. 

A desfeita demográfica na Galiza estase a tratar por enésima vez no Parlamento Galego. Como se non se soubesen as razóns: precariedade laboral, baixos salarios, desemprego, emigración e falta de servizos e subsidios á natalidade. Quen vai ter fillos e fillas nestas condicións? Só aqueles/as con altas rendas e bos salarios, ou os moi atrevidos/as. En todos estes aspectos a Xunta ten algún grao de responsabilidade; nuns casos porque rebaixou prestacións, e noutros porque apoiou as medidas do Partido Popular para desregular o mercado laboral, reducir salarios, fomentar a emigración da mocidade e impor cargas fiscais moi fortes sobre as clases populares, mentres mantén paraísos fiscais para as grandes empresas e altos salarios (SICAV, patrimonio, sucesións, sociedades, fraude fiscal,...). O colmo é que o PP vexa como esencial recuperar a inmigración, cando o lóxico sería comezar por garantir condicións para o retorno dos que emigraron. Analicemos este tema con perspectiva histórica.

A evolución demográfica de Galiza permite facer unha caracterización moi exacta de como incide na economía e na sociedade a carencia de soberanía, máxime se collemos un período moi longo, por exemplo ¡un século! É un dato que reflicte como incide este condicionante cando se compara entre territorios que teñen unhas regras económicas dominantes comúns e viviron momentos políticos moi semellantes. Se formar parte dun Estado máis amplo fose beneficioso para todos, deberíase dar un crecemento económico e demográfico moi parecido entre nacións como Galiza, Cataluña, Euskadi e España, e mesmo eliminar as desigualdades. Nun século non se poden argumentar situacións conxunturais, ficamos diante de tendencias consolidadas, especialmente nun período como este cun gran avance das comunicacións e do intercambio comercial, e a constitución dun mercado de bens e servizos moi homoxéneo no Estado español. 

"A evolución demográfica de Galiza permite facer unha caracterización moi exacta de como incide na economía e na sociedade a carencia de soberanía"

Analicemos os datos. No censo de 1910, o Estado español tiña un total de 19.990.909 habitantes de feito, no do ano 2011, 46.815.916 persoas. Ou sexa, a poboación aumentou un 134%. No que respecta a Galiza no ano 1910 tiña 2.063.589 habitantes e no censo do ano 2011 atinxía 2.772.928 persoas, o que representa un incremento do 34%. O diferencial é inmenso. Se comparamos coa capital do Estado, Madrid, vemos que esta provincia (hoxe autonomía) pasou de 878.641 habitantes a 6.421.874 ¡multiplicando por sete a súa poboación! malia que é un territorio interior, no medio dunha meseta, carente de riquezas mineiras, agrícolas ou enerxéticas especiais. Toda a súa riqueza xorde de ser a capital do Estado español e concentrar o poder político. 

No caso de Cataluña, un territorio costeiro como o noso país, xa daquela con industria, temos que pasou de 2.084.859 habitantes a 7.519.843, creceu 3,6 veces. No País Basco as cifras son as seguintes: no censo de 1910 tiña 673.788 persoas e no ano 2011 chegou a 2.185.393, acrecentando a poboación un 324%. Mesmo Andalucía, un territorio periférico, falto de industria, pasou de 3.715.009 habitantes a 8.371.270, un aumento do 125%. Se comparamos con Asturias vemos que tiña 685.131 habitantes no ano 1911 e 1.075.183 no ano 2011, un medre do 56,9%. En Portugal, outro territorio limítrofe, non máis desenvolvido que Galiza, cunha taxa emigratoria moi forte, a poboación pasou de 5.960.056 persoas en 1911 a 10.562.178 un século despois, un aumento do 76,5%, case que o dobre que a galega. A situación de Cataluña e Euskadi, malia a súa dependencia política, no plano económico foi distinta que a do noso país. Galiza cumpriu ademais un papel colonial, coa transferencia de materias primas, recursos enerxéticos, aforros e man de obra barata, polo que a evolución demográfica foi distinta, máxime a medida que se foron esgotando as capacidades nestes ámbitos. 

"Galiza foi perdendo peso demográfico a medida que melloraron as comunicacións, e polo tanto fíxose máis doada a imposición de regras de xogo que favoreceron o control e a transferencia de recursos a Madrid".

Os anteriores datos amosan que Galiza foi perdendo peso demográfico a medida que melloraron as comunicacións, e polo tanto fíxose máis doada a imposición de regras de xogo que favoreceron o control e a transferencia de recursos a Madrid. Unha demostración de que estes avances en infraestruturas se fixeron sobre todo en función de intereses económicos e políticos foráneos e no momento en que estes estaban en condicións de utilizalos para estender o seu control, aínda que non fose inmediato. En calquera caso sería moi simplista pensar que a demografía vaise recuperar sen cambios económicos e políticos moi radicais, especialmente neste intre e dado o papel que cumpre o noso país na división do traballo no Estado español e na Unión Europea. Cómpre polo tanto unha ruptura democrática, que debe implicar que a soberanía a todos os niveis resida nas clases populares da Galiza. A patronal española e galega, non ten problemas demográficos, cando teña necesidade de man de obra importará persoas. Para eles son unha mercadoría máis, e canto máis fraccionamento social menor é a contestación á centralización e concentración da riqueza.

Manuel Mera